Samsung Pay Mini xa é oficial en Corea, pero só vale para pagamentos online

En maio do ano pasado comezouse a falar da existencia de Samsung Pay Mini, unha versión reducida da aplicación de pagos móbiles Samsung Pay, que agora vén de facerse oficial en Corea do Sur, aínda que todo apunta a que durante o primeiro trimestre do ano podería chegar a outros mercados, nomeadamente a aqueles nos que xa funciona Samsung Pay, entre eles o noso país.

A gran novidade desta nova aplicación é que permite levar os pagos desde o móbil a dispositivos Android de outras marcas, aínda que ollo, coas funcionalidades limitadas. E é que, segundo parece, Samsung Pay Mini non permitirá pagos NFC nas tendas físicas, algo que seguirá sendo exclusivo da versión completa de Samsung Pay nos dispositivos de fabricación propia, senón que unicamente estará destinada a pagamentos online e como carteira para tarxetas de fidelización.

En canto aos requerimentos técnicos establecidos por Samsung para o seu uso, unicamente serán dous: que o dispositivo no que instalaremos a app teña unha versión de Android igual ou superior á 5.0 (Lollipop) e unha pantalla con resolución mínima HD (1280 x 720 píxeles).

Teremos que estar atentas para ver cando chega esta nova aplicación ao noso país para comprobar se realmente é unha ferramenta útil nos modelos non – Samsung.

Deixa un Comentario