As medallas de Tokio 2020 faranse a partir de smartphones reciclados

Tecnoloxicamente falando, os Xogos Olímpicos de Tokio 2020 van ser de grande interese, entre outras razóns porque por vez primeira imos ver as redes 5G traballando a pleno rendemento. Porén, hoxe queremos falar doutra nova relacionada coa tecnoloxía, aínda que dunha maneira bastante diferente.

Segundo parece, o Comité Olímpico ten pensado fabricar as medallas dos próximos Xogos a partir de materiais extraídos de smartphones, tablets e outros dispositivos reciclados, co obxectivo de concienciar á poboación da importancia da doazón destes trebellos para o correcto tratamento dos materiais, evitando problemas para o medio ambiente.

A campaña de recollida iniciarase en abril deste mesmo ano, e o obxectio é recadar 50 quilos de ouro, 2920 de prata e 2994 de bronce, cantidades necesarias para a fabricación das 5000 medallas olímpicas que se porán en xogo en Tokio 2020.

O reto é bastante grande, pois aínda que efectivamente os nosos trebellos teñen, na súa inmensa maioría, este tipo de metais, o certo é que as cantidades son bastante escasas. Por poñer un exemplo, segundo o informe de Nacións Unidas sobre residuos electrónicos, para conseguir un gramo de ouro farían falta 41 dispositivos, polo tanto serían necesarios 2.050.000 móbiles.

Será quen Xapón de conseguir este obxectivo?

 

About The Author

Reply