Blu Tank Xtreme 5.0, un terminal para as usuarias máis extremas

Había ben tempo que non falabamos no blog do fabricante norteamericano Blu, en boa medida porque esta marca fai dispositivos orientados ao mercado local. Porén, o novo Blu Tank Xtreme 5.0 pareceunos moi digno de mención. Como se pode ver na imaxe promocional, trátase dun dispositivo para as usuarias amantes do extremo, pois está deseñado para soportar todo tipo de inclemencias.

Como adoita acontecer cos terminais robustecidos, as súas especificacións técnicas non son especialmente sorprendentes. Dispón dunha pantalla de 5 polgadas con resolución HD (1280 x 720 píxeles), procesador MediaTek de catro núcleos MT6580 a 1,3 GHz, 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD de até 64 GB.

Pero onde o Blu Tank Xtreme 5.0 pretende presumir é na súa resistencia. Dispón de certificación Ip65, que se ben non é das máis altas, garante que poidamos empregar o dispositivo baixo a choiva ou pequenos somerxementos. Ademais, grazas ao seu deseño, pode resistir os golpes sen sufrir roturas ou danos.

Nos Estados Unidos pódese mercar en tendas como Amazon por 130 dólares, un prezo axeitado para un dispositivo destas características.

Sobre o autor

Reply