Datos móbiles gratis por patrocinio? Orange ofrecerá esta proposta en España

Segundo o tipo de contrato e cal sexa a nosa operadora, ao rematar os datos da nosa tarifa poden pasar varias cousas: navegar a velocidade reducida, pagar os “megas” extra que naveguemos ou unha opción que xa está case estandarizada: contratar un bono de datos extra.

Isto supón un desembolso de cartos a maiores, algo que moita xente non está disposta a aceptar. Nese panorama nace o sistema de “sponsored data”, ou datos patrocinados, un modelo que xa funciona en varios países e que agora chega a ao Estado español da man de Orange. A idea deste sistema é bastante sinxela, aínda que non tan simple como obter unha certa cantidade de megas por ver un anuncio.

Para poñer en funcionamento este servizo, Orange chegou a una cordo con Privalia e Datami, e fará as primeiras demos no marco do Mobile World Congress de Barcelona, que arranca a próxima semana. A idea é que as usuarias, ao usar a aplicación de Privalia, non gasten datos do seu plan contratado, senón que será a propia marca a que se faga cargo do patrocinio deses datos. Deste modo, enténdese que as usuarias serán máis propensas a mercar nesa app ca noutras e a marca que patrocina sae beneficiada.

Ao noso entender, isto ten unha parte negativa, xa que, indirectamente, vai contra a neutralidade da rede: ao favorecer que as usuarias poidan empregar unha aplicación sen que iso consuma os datos da súa tarifa faise que non todo o mundo esté en igualdade de condicións, só as marcas que paguen.

Haberá que agardar á semana que vén para que Orange informe dunha maneira máis concreta de como será a aplicación práctica deste novo sistema de patrocinio. Vós que pensades?

Sobre o autor

Reply