UPS proba a entrega con drones lanzados desde o teito dunha furgoneta para os repartos en zonas rurais

Cada vez son máis os proxectos que teñen aos drones por protagonistas. Se ben é certo que o seu funcionamento comeza a estandarizarse nalgúns ámbitos, nos que teñen que ver coa distribución de mercadorías aínda están nunha fase embrionaria ou beta.

UPS vense de implicar neste tema e comezou a probar a distribución de paquetería con servizo mixto que combina as furgonetas cos drones, algo que ligan aos ámbitos rurais, onde a dificultade de chegar a unha determinada vivenda cunha furgoneta pode ser complicada, mais sobre todo, onde é moito máis doado operar cun drone.

Segundo explica UPS, o novidoso do seu sistema é que o drone é lanzado desde o teito dunha furgoneta de reparto, sendo capaz de facer a entrega nun fogar de maneira autónoma e regresar ao vehículo mentres o condutor segue o traxecto cara a seguinte entrega.

As probas realizáronse con éxito en Tampa (Florida), e son froito dunha colaboración entre UPS e Workhorse Group, un desenvolvedor de drones e camións de batería eléctrica con sede en Ohio. Workhorse encargouse de fabricar tanto o propi drone como a furgoneta eléctrica empregada.

O percorrido que realiza o drone é triangular, e está pensado para entregas a varios quilómetros da estrada, sen que a furgoneta teña que desviarse da ruta para facer unha única entrega. Segundo os cálculos da compañía, reducir unicamente 1,6 km por conductor ao día durante un ano pode aforrarlle a UPS até 50 millóns de dólares.

En canto á características técnicas do drone, o modelo empregado (HorseFly) conta cunha batería que se recarga mentres o dispositivo está na base. Ten un tempo de voo de 30 minutos e pode transportar paquetes de até 4,5 quilogramos.

Sobre o autor

Reply