InnJoo anuncia novos dispositivos no marco do MWC

Por terceiro ano consecutivo, InnJoo contou con presenza propia no Mobile World Congress. Esta compañía de Dubai, nada no 2014 como unha start up, segue a medrar no mercado europeo, e tras a súa incursión no mercado español, xa comezou a súa expansión ao portugués, italiano e marroquí.

Durante a feira anunciou as principais novidades da marca para esta primeira metade do ano da man de Dani Sordo, o piloto de rallies que fará de embaixador da marca. Entre estes novos produtos atopámonos o InnJoo 4 como buque insignia, mais tamén as series Max4 e Fire4.

O InnJoo 4 é o primeiro dispositivo deca-core da compañía. Leva no seu interior o procesador MediaTek Helio X20 de dez núcleos a 2,3 GHz, ademais de 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD. As cámaras son de 15 e 5 megapíxeles, e o sistema operativo é Android 7.0 Nougat, aínda que aderezado cunha capa de personalización propia.

Por outro lado, o InnJoo Pro2 aposta polo rendemento, e conta cunha memoria RAM de 6 GB como elemento máis característico. A memoria ROM é tamén de 64 GB, e pode ampliarse con tarxetas microSD de até 256 GB. En canto ao procesador, leva un modelo MediaTek de oito núcleos a 2,3 GHz, e como sistema operativo Android 6.0.

InnJoo tamén avanzou algúns aspectos dos modelos que chegarán nos próximos meses, como o Fire 4 Plus, que será o primeiro smartphone da compañía en inclúir dobre cámara (5+13 Mpx), e levará pantalla de 5,5 polgadas, procesador octa-core e batería de 3000 mAh.

No apartado das tablets, InnJoo anunciou a nova InnJoo F801, un modelo sinxelo de 8 polgadas e resolución 800 x 1280 píxeles, 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna. O seu aspecto máis avanzado é a presenza da conectividade 3G, con funcionalidades completas de teléfono.

Xa por último, InnJoo amosou o InnJoo Leap. Será o primeiro ordenador da compañía, un ultrabook de algo menos de 1200 gramos con Windows 10 que custará 199 €. Está previsto que se presente oficialmente nun evento que terá lugar en dúas ou tres semanas.

Sobre o autor

Reply