bq eliminará todo rastro das chamadas ao 016 nos seus móbiles

A violencia machista é unha das maiores lacras da sociedade actual, polo que todos e cantos esforzos se sumen para a súa erradicación son ben recibidos. Hai uns anos púxose en marcha o teléfono 016, un número gratuíto que non deixa rastro na factura telefónica. Porén, tal e como denunciou a Defensora do Pobo, si deixa constancia no rexistro de chamadas do propio teléfono.

O fabricante español bq tomou nota desta recomendación e vén de anunciar que está a traballar nunha solución para eliminar todo rastro das chamadas ao 016 desde os seus teléfonos da liña Aquaris. Deste modo, os trebellos de bq non só borrarán a chamada da listaxe, senón que tampouco contabilizarán os minutos no contador interno de chamadas do teléfono.

A compañía ten previsto habilitar esta funcionalidade nos seus móbiles máis recentes, mais tamén naqueles que se viñeron comercializando no último ano e medio. Ademais, porase en contacto co Ministerio de Sanidade para explicar a solución achada, abrindo a porta a compartila con outros fabricantes para que sexa unha solución universal.

Vía

Sobre o autor

Reply