Samsung Galaxy Xcover 4: resistencia militar por 259 €

A semana pasada Samsung anunciou de maneira moi discreta o novo Galaxy Xcover 4, un dispositivo Android pensado para aquelas usuarias que ou ben polas súas aficcións ou ben polo seu traballo, precisan dun terminal con maior resistencia á habitual, aínda que iso supoña renunciar a un deseño hiperatractivo.

En canto a prestacións, o Xcover 4 vén cunha pantalla de 5.0 polgadas con resolución HD. No seu interior leva un procesador de catro núcleos a 1,4 GHz, xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD de até 256 GB. A súa batería é de 2800 mAh, descoñecemos se con capacidades de carga rápida.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira de 13 megapíxeles, con apertura f/1.9, mentres que na dianteira leva un sensor de 5 megapíxeles. A pesar de que as características do dispositivo son sinxelas, neste punto a mellora é moi notoria, o que dá boa conta de que o fabricante está a prestarlle cada vez máis atención ás fotos.

En calquera caso, o que fai especial a este trebello é o seu deseño, especialmente resistente pensando na durabilidade. Ademais, cumpre co estándar IP68, que certifica a resistencia ao pó e á auga (incluíndo os somerxementos de até 1,5 metros de profundidade), mais tamén co estándar militar MIL-STD 810 G, vencellado ás temperaturas extremas.

Está previsto que o Samsung Galaxy Xcover 4 saia á venda no mes de abril por 259 euros, levando Android 7.0 Nougat como sistema operativo.

Sobre o autor

Reply