LG vende máis de 20.000 unidades do LG G6 no día do seu lanzamento en Corea do Sur

O pasado 26 de marzo LG anunciou en Barcelona o LG G6, un dispositivo no que a compañía surcoreana ten postas as súas esperanzas logo das baixas ventas colleitadas co modular LG G5. Como puidemos ver durante a feira, LG fixo os deberes neste 2017, e o seu modelo de referencia para este ano é un trebello de gran calidade que namora desde o primeiro momento.

Logo da súa posta á venda no seu país de orixe, Corea do Sur, véñense de coñecer as primeiras cifras, que apuntan a máis de 20.000 unidades vendidas no primeiro día. Aínda que esta cifra é máis baixa cás que adoitan ter Apple ou Samsung nos seus lanzamentos, hai que mirala con perspectiva, xa que o ano pasado co LG G5 só conseguiu acadar as 15.000 unidades vendidas no primeiro día.

Ademais, a estes 20.000 LG G6 que xa circulan polo país asiático, haberá que sumar as máis de 40.000 unidades de reserva que nos próximos días comezarán a chegar ás usuarias que a tiveran feito antes do lanzamento comercial, que segundo parece van ser distribuídas esta mesma semana.

O LG G6 chegará en abril ao noso país

Tras o seu lanzamento en Corea do Sur, a próxima cita será en Israel, onde o LG G6 vai estar dispoñíbel a partir do próximo 22 de marzo. Posteriormente, o 28 de marzo, chegará a Australia, e xa a comezos de abril faráo a países coma o noso.

O LG G6 vén cunha pantalla de 5,7 polgadas con protección Corning Gorilla Glass 3 e unha relación de aspecto 18:9 como gran novidade. No interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 821 de catro núcleos e 4 GB de memoria RAM. Outros aspectos a destacar son a súa dobre cámara traseira de 13 megapíxeles e a protección IP68, que protexe ao dispositivo de agresións externas como a auga e o pó. A súa batería, non extraíbel, é de 3.300 mAh.

Sobre o autor

Reply