Analizamos o InnJoo 3, enmarcado na gama media premium

O ano pasado descubrimos por estas latitudes a InnJoo, un fabricante con sede en Dubai que comezou a operar no noso país, centrándose na venda dos seus smartphones Android e outros gadgets.

Un dos seus últimos modelos é o InnJoo 3, un dispositivo da chamada gama media premium que hoxe traemos á nosa mesa de análises. O seu prezo é un dos seus atractivos, mais tamén as súas especificacións avanzadas. Vexámolo máis polo miúdo.

Deseño, acabado e conexións

InnJoo apostou neste InnJoo 3 por un deseño unibody cunhas dimensións totais de 157 x 77 x 7,4 mm, e polo uso do aluminio como material predominante. Aínda que os seus cortes son bastante clásicos, todas as aristas están dedondeadas para ter un mellor tacto e facilitar o seu agarre, algo necesario nun trebello dese tamaño.

Na parte frontal temos un botón central, que tamén é o lector de pegadas dixitais, e xunto a el dous botóns capacitivos para o menú e o retroceso. Na parte traseira temos unha banda superior na que se sitúa a cámara co seu flash LED, e todo o resto liso coa excepción da presenza do logotipo da marca, o que nos pareceu moi elegante.

No lateral dereito temos os botóns de acendido e os controis de volume, mentres que no lado contrario dispomos dunha bandexa extraíbel para a tarxeta SIM e a apmpliación de memoria. Na parte superior atopámonos co jack de audio 3.5 e na inferior cos altofalantes e o USB Tipo C.

Hardware e rendemento

O InnJoo 3 vén equipado cun procesador MediaTek MT6750T de 8 núcleos a 1,5 GHz e Mali-T860MP2. Acompáñano 4 GB de memoria RAM e 64 GB de almacenaxe interna, ampliábeis mediante microSD de até 128 GB.

Dispón de lector de pegadas dixitais, situado no botón de inicio, e que nos serve como sistema de seguridade para o acceso ao dispositivo. Porén, carece de NFC, o fai que non poidamos levar a cabo pagamentos móbiles, algo que botamos bastante de menos.

Con estas prestacións, o terminal move sen problema calquera tipo de aplicación, se ben é certo que non temos un rendemento de modelos máis potentes. A RAM axuda na labor de ter un terminal que se move máis lixeiro, e semellante memoria interna antóxasenos necesaria xa só tendo en conta o que ocupa cada fotografía tomada co aparello.

Pantalla

O fabricante optou por unha pantalla IPS GFF construída por Sharp de 5,5 polgadas e resolución Full HD. Ademais, ten curvatura 2.5D, o que mellora a sensación de tacto nas contornas, e protección Dragon Trail, equivalente ao que sería Gorilla Glass.

A saturación e a calidez da cor sorprendeunos para ben. Isto tradúcese en que temos imaxes que amosan cores foi fieis e realistas, algo no que tamén ten moito que ver o uso da tecnoloxía Miravisión. En canto ao brillo, ofrece luminosidade abonda para que se poida ver a pantalla en exteriores con claridade, e a adecuación á luz nos cambios de ambiente faise de maneira automática, aínda que non todo o rápido que nos gustaría.

En termos xerais, a pantalla pareceunos un elemento a destacar deste modelo, sendo a única pega que é moi amiga das pegada: ao andar co trebello adoitan quedar marcados os nosos dedos, que non é algo molesto coa pantalla acesa, pero si que resulta antiestético á vista.

Cámara

No apartado fotográfico temos dúas cámaras, traseira e frontal. A principal leva un sensor de 21 megapíxeles con apertura f/1.8 e lentes 6P, co seu correspondente flas LED. No caso da cámara frontal temos un sensor de 8 megapíxeles con apertura f/2.0.

Centrándonos na cámara traseira, en condicións de boa luminosidade temos un enfoque que destaca pola súa velocidade e como resultado imaxes luminosas e realistas, con cores moi vivas. Non ocorre o mesmo cando non temos tanta luz, e malia esa gran apertura (f/1.8) os resultados non son tan bos, aparecendo ruído e peor enfoque.

A cámara frontal responde moito mellor, e os seus resultados son máis precisos en diferentes ambientes e situacións. A nível software, tamén nos atopamos con funcioanlidades que nos permiten activar o disparo automático a través dos xestos.

Como curiosidade, sorprendeunos o moito que ocupan as fotos tomadas con este treebllo, pois estamos a falar de máis de 5 MB nas fotos coa cámara traseira e algo máis de 2 MB no caso das fotos tomadas coa cámara frontal.

Podedes ver unha selección de imaxes tomadas con este dispositivo no noso perfil de Flickr.

Batería

A batería é de 3000 mAh, unha capacidade aceptábel para un modelo de 5,5 polgadas. Os resultados mantéñense na media, conseguindo arredor de 5 horas de pantalla e completar o día sen problema. Ademais, dispón de sistema de carga rápida de MediaTek, o que nos permite sumar horas de autonomía con tan só telo enchufado durante uns minutos.

Software

Pasemos a falar do software. Innjoo optou por sacar este trebello á venda con Android 6.0 – Marshmallow, aínda que semella que está prevista unha actualización a Android 7.0 – Nougat. Porén, emprega unha capa de personalización chamada Fly Launcher, a cal cambia significativamente a experiencia e nos afasta bastante do Android puro, aínda que non altera os menús nin o caixón de notificacións.

Este Launcher dispón dunha tenda de temas propia, que podemos aplicar cambiando de vez varios aspectos, como os fondos e protectores, o reloxo ou o xeito no que se amosan as iconas das aplicacións.

O InnJoo 3 trae bastantes aplicacións preinstaladas como True Caller (identifica chamadas de spam), o teclado TouchPal, o navegador CM Browser e varios xogos, como Asphalt ou Real Football. O que menos nos gustou é que, malia poder inhabilitalas, parte delas non se poden eliminar, e cremos que isto resta valor ao dispositivo.

Conclusións

O InnJoo 3 é un bo terminal de gama media, resultando unha boa relación calidade – prezo. O seu rendemento é axeitado e a pantalla luce ben, mentres que aspectos como a cámara ou a batería sitúanse na media. Cremos que no aspecto software as cousas poderían terse feito de mellor maneira, mais o bo que temos en Android é que existen centos de launchers que nos permiten cambiar por completo a apariencia das pantallas e menús, personalizándoo completamente ao noso gusto.

O que máis botamos de menos foi o NFC apra poder facer pagos móbiles, aínda que somos conscientes de que esta é unha tecnoloxía que, aínda que agora mesmo está en auxe, interesa a un grupo de usuarias moi concretas.

Se estades interesadas, pódese mercar por 289 € na tenda online da compañía.

Deixa un Comentario