Novo Blu Life X2 Mini, un terminal económico e moi completo

Blu vén de lanzar un novo modelo, o Blu Life One X2 Mini, un trebello que segue na liña dos anteriores dispositivos do fabricante, combinando prestacións máis ca decentes, deseño coidado e prezo axustado. Como se pode intuír polo nome, trátase dunha versión “mini” do Life One X2, iso si, unicamente no que ten a ver co tamaño, xa que é algo máis potente.

O Life One X2 Mini integra unha pantalla de 5 polgadas con resolución FullHD (1080p). No seu interior atopámonos cun procesador Qualcomm Snapdragon 430, moi ben acompañado por 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, que poderemos ampliar a través de tarxetas microSD.

No apartado multimedia temos un sensor principal de 13 megapíxeles, e unha cámara frontal de 8 megapíxeles. Dispón de 2300 mAh de batería, unha cifra que se nos antoxa un pouco escasa, pero que seguramente abonde para rematar o día. Completando as súas especificacións, o smartphone vén con dobre SIM, lector de pegadas dixitais e Android 6.0 (Marshmallow).

Como vén sendo habitual cos modelos desta compañía, o Blu Life One X2 Mini comercialízase a través de Amazon por uns 160 euros. Pódese mercar en dourado, gris e ouro rosa.

About The Author

Reply