Neffos, a marca de smartphones de TP-Link, aterra no noso país coa serie X1

De seguro que a moitas de vós soaravos TP-Link por ser unha das marcas máis destacadas en produtos e solucións de conectividade no fogar, como PLCs ou extensores de WiFi. Porén, a compañía tamén ten unha marca de smartphones, chamada Neffos, que vén de aterrar no noso país con dous novos terminais, os Neffos X1 e Neffos X1Max.

Ambos os dous modelos operan cun procesador MediaTek Helio P10, de oito núcleos, e comparten moitas das súas características de deseño, no que manda o minimalismo, así como os acabados en metal. Así mesmo, empregan unha versión personalizada de Android 6.0 Marshmallow, con melloras especialmente pensadas para despregar conexións e permanecer conectadas en calquera lugar.

A versión Max acada os 4 GB de memoria RAM e os 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 128 GB, e ambos veñen con cámara traseira de 13 megapíxeles retroiluminada con flash LED de dous tons e cinco lentes. No apartado da conectividade, levan WiFi de dobre banda e soporte para voz sobre LTE (VoLTE), e lector de pegadas dixitais que identifica en apenas 0,2 segundos.

Pódense mercar desde este mes por 199 euros, caso do Neffos X1, ou 249 euros se optamos polo X1Max.

Sobre o autor

Reply