Alcatel Flash, o primeiro smartphone con dobre cámara dianteira e traseira

 

Esta tempada moitos dos principais smartphones veñen con dobre cámara traseira, unha característica que moitas usuarias xa consideran imprescindíbel. Porén, Alcatel vén de ir un paso máis aló incluíndo tamén dobre cámara dianteira. Trátase do novo Alcatel Flash.

O trebello integra unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución Full HD, e no seu interior leva un procesador MediaTek Helio X20 a 2,3 GHz. A súa memoria RAM é de 3 GB, e dispón de 32 GB de memoria interna, que poderemos ampliar mediante tarxetas microSD de até 128 GB. Por outro lado, a súa batería é de 3100 mAh, e leva un sensor de pegadas dixitais na parte traseira.

Porén, como xa apuntamos ao coemzo, o que fai diferente a este trebello é a presenza de dobre cámara, tanto na parte dianteira como na traseira do dispositivo. Deste modo, a cámara principal é un sensor dobre de 13 megapíxeles, combinación dun a cor e un monocromo, mentres que no caso da frontal temos un sensor de 8 e outros de 5 megapíxeles.

Polo de agora o fabricante non confirmou o prezo ao que se porá á venda o Alcatel Flash, nin tampouco en que países vai estar dispoñíbel, aínda que estamos case seguras de que o noso país estará na listaxe.

Sobre o autor

Reply