Anovo instala máquinas no metro de Barcelona para deixar a reparar o móbil e recollelo en 72 horas

Pode que para moitas Anovo sexa unha empresa totalmente descoñecida. Porén, esta firma é a que máis teléfonos repara no Estado español, xa que é partner da meirande parte das operadoras e tamén de grandes cadeas de distribución e mesmo marcas que non contan cun servizo técnico propio no país.

Esta posición permítelle á empresa levar adiante iniciativas como a que este mes inaugura en varias estacións de metro de Barcelona. E é que Anovo instalará máquinas nas que as usuarias poderán deixar os seus teléfonos a reparar e pasar a recollelos tres días despois.

Segundo comenta a propia compañía, o proceso para depositar o teléfono a reparar vai ser moi sinxelo. As usuarias unicamente deben acudir a unha destas máquinas e ir seguindo os pasos que aparecen en pantalla. Entre outras cousas, pídenselle os datos de contacto e unha breve descrición do problema que presenta o terminal, para axudar así ao servizo técnico a saber cal é a avaría que deben reparar.

Feito isto, a usuaria recibe un ticket co código de seguimento co que poderá ver o estado da reparación. Ademais, a propia empresa encargarase de notificar cando pode pasar a recollelo, na mesma máquina, de maneira que pode quedar totalmente despreocupado e aproveitar o seu paso pola estación de metro para recollelo.

Ademais de todo isto, e como servizo complementario, Anovo tamén permitirá que a usuaria leve un terminal de préstamo mentres reparan o seu, para o que deberá abonar 10 euros en concepto de alugueiro e deixar 100 como fianza.

Inciialmente está previsto que estas máquinas estén dispoñíbeis nas paradas de metro de Catalunha e Universitat, na cidade de Barcelona, aínda que proximamente chegarán tamén a outros lugares concurridos (centros comerciais, etc), e novas cidades.

 

Que vos parece a idea?

Sobre o autor

Reply