Análise exprés do Google Pixel XL

Semanas atrás puidemos probar durante apenas 48 horas o Pixel XL, o dispositivo de referencia de Google que sustitúe, xunto co Pixel, á gama Nexus. Con tal limitación temporal non puidemos analizar coa profundidade que nos gustaría todas as prestacións do dispositivo, mais este tempo si que nos serviu para facernos unha idea máis ou menos clara de como se comporta o trebello.

Deseño, acabado e conexións

O primeiro que cabe destacar do Pixel XL é o seu deseño. Trátase dun terminal de 5,5 polgadas, no que non houbo especial afán en ser contidos coas súas dimensións, nomeadamente no grosor. Porén, non é un dispositivo incómodo nas mans, senón máis ben ao contrario, pois achega unha sensación de seguridade e resistencia moi agradábel.

Mirando a súa parte traseira atopámonos con que, aproximadamente no terzo superior cambia o metal da carcasa traseira por cristal, un acabado que nos pareceu moi atractivo, aínda que isto é unha apreciación moi subxectiva. Nesta parte posterior temos a cámara princiapl, que non sobresae do corpo do móbil, e o sensor de pegadas dixitais, situado na parte central. Un “G” minimalista encárgase de lembrarnos que se trata dun teléfono firmado por Google.

Todos os botóns quedan situados no lateral dereito do teléfono, nunha posición inferior as teclas de volume e máis arriba a de acender / apagar o dispositivo. Esta última pareceunos estar mal situada, pois está tan arriba que dificulta o manexo do dispositivo cunha soa man nun trebello destas dimensións, obrigando a facer movementos extra para levar a cabo algunhas accións básicas, cando podería ser todo moito máis doado.

Hardware e rendemento

O Pixel XL de Google vén equipado cun hardware á altura do que cabería agardar dun móbil de gama alta. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 821 (catro núcleos, dous a 2,15 GHz e outros dous a 1,6 GHz), xunto con 4 GB de memoria RAM e opcións de 32 ou 128 GB, non ampliábeis mediante tarxetas microSD.

Nas opcións de conectividade atopámonos con espazo para nanoSIM, conectividade WiFi 802.11 a/b/g/n/ac de dobre banda, DLNA, e USB Tipo C. Dispón dos sistemas A-GPS e GLONASS e tamén integra sensor de pegadas dixitias e NFC para podermos realizar pagamentos móbiles, aínda que a través das aplicacións de terceiros, xa que Android Pay non está dispoñíbel no noso país.

No pouco que puidemos probar o terminal, percibimos que move con gran soltura as aplicacións máis habituais. Tamén tivemos tempo de probar algún xogo para ver que non lle causa maior apuro, polo que neste sentido semella que non teremos maior problema.

Pantalla

A pantalla é un panel AMOLED de 5,5 polgadas, e conta cunha resolución 1440 x 2560 píxeles. Ademais, vén con Corning Gorilla Glass 4, o que protexe o dispositivo dos pequenos croques e tamén das típicas rabuñadas que se poderían facer, por exemplo, ao levar as chaves no mesmo peto que o móbil.

Certamente, trátase dun panel que se ve moi ben, cun nível de brillo acaído para podermos empregar o móbil en exteriores e seguir gozando dunha boa visibilidade. Os ángulos de visión son correctos e a resposta ás accións táctiles rápida e precisa.

Cámara

O apartado fotográfico é quizais no que Google está a poñer máis empeño en mellorar. A cámara principal é un sensor de 12,3 megapíxeles, con estabilizador óptico, enfoque por láser e detección de fase e unha apertura de f/2.0. Por outro lada, na cámara dianteira temos un sensor de 8 megapíxeles, neste caso cunha apertura f/2.4.

A cámara principal compórtase moi ben en todo tipo de situacións. Nos ambiente ben iluminados saca fotos de gran calidade, mais nas escenas máis escuras consegue uns resultados moi satisfactorios, con obxectos nítidos e pouco ruído.

A aplicación de fotografía cambia lixeiramente, aínda que non engade grandes novidades. Basicamente dispón de catro modos: panorámico, photo sphere, blur e slow motion. Ademais, integra o HDR+ de maneira predeterminada en todas as fotos, o que fai que os resultados case sempre sexan imaxes ben iluminadas. Podedes ver algúns exemplos na nosa galería de Flickr.

Batería

A batería é de 3540 mAh de capacidade, con sistema de carga rápida. A priori, trátase dunha capacidade que, xunto co resto de especificacións, debería darnos unha autonomía algo superior a outros trebellos do mesmo tamaño. En calquera caso, o tempo que puidemos probalo non foi abondo para podermos analizar como se comporta o trebello nunha situación normal.

Software

Pasemos a falar de software. Se hai algo que destaca nos dispositivos “pure Google” como os Nexus ou os Pixel é o software. O Pixel XL serviu a Google para lanzar oficialmente Android 7.0 Nougat, e o trebello é hoxe en día o estandarte Android.

Ademais de todas as novidades de Nougat, como Google Assistant, os Pixel contan con soporte adicional por parte de Google. Por unha banda está o servizo de asistencia, que vén integrado dentro dos axustes e permite contactar as 24 horas cun servizo que axuda a resolver dúbidas ou problemas co Pixel, aínda que só funciona nos países nos que o móbil está dispoñíbel ofificialmente. Ademais, tamén ofrece almacenaxe de fotos e vídeos de maneira gratuíta e ilimitada en Google Photos, coa calidade orixinal das fotos e non reescalando.

Porén, o mellor de termos un terminal con Android puro é maior fluidez e capacidade de personalización, ademais de ser os primerios trebellos que reciben as últimas actualizacións de software durante o tempo de soporte (mínimo dous anos desde o seu lanzamento), tanto para novas versións como para as actualizacións de seguridade.

Conclusións

A falta de poder probalo co detenimento que nos gustaría, podemos concluír que o Pixel XL é un gran teléfono no que podemos disfrutar de Android sen limitacións. Quedaría por corrixir algún aspecto do seu deseño para facer que fose un terminal máis atractivo e algo máis compacto, aínda contando cunha pantalla de 5,5 polgadas. O aspecto fotográfico, un dos que máis miramos as usuarias á hora de mercar un novo terminal, está sobradamente atendido, facendo que prescindir dunha cámara sexa cada vez algo máis habitual grazas á calidade que consegue.

O Pixel XL está dispoñíbel en branco ou prata, aínda que tamén hai unha edición especial en azul. Curiosamente, Google non distribúe este terminal no noso país, aínda que é posíbel mercalo a través de páxinas como Amazon por uns 850 euros.

Sobre o autor

Reply