Sony Xperia L1, un terminal económico con deseño coidado

Sony vén de poñer á venda un novo terminal, o Sony Xperia L1. Trátase dun dos últimos modelos da compañía orientados á gama de entrada, que destaca polo seu deseño, semellante aos trebellos premium, e o seu prezo.

O Xperia L1 integra unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución HD (1280 x 720 píxeles), e no seu interior alberga un procesador MediaTek de 4 núcleos a 1,45 GHz, xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 13 megapíxeles e un sensor frontal de 5 megapíxeles. A súa batería é de 2620 mAh de capacidade, que se nos antoxa un tanto xusta para semellante tamaño de pantalla. Como sistema operativo leva Android 7.0 Nougat.

Como comentamos ao comezo, o que máis destaca do dispositivo é o seu deseño, moi na liña dos últimos modelos do fabricante xaponés. Ás formas cadradas do dispositivo temos que sumar os cantos redondeados, o que favorece o agarre coas mans.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Sony Xperia L1 poderase mercar en tres cores (branco, negro e rosa) a finais de mes, aínda que o fabricante aínda non desvelou o seu prezo.

Sobre o autor

Reply