Analizamos o bq Aquaris X, un dos grandes reclamos da gama media premium

Estes días estivemos a probar o bq Aquaris X. Trátase dun dos dous novos modelos cos que o fabricante español aspira a dar a batalla na gama premium, e desde logo ten moito que ofrecero. O novo X combina un bo rendemento cun bo deseño, non cabe dúbida que en boa medida grazas a todo o aprendido coa gama que o precedeu, os Aquaris X5.

Deseño, acabado e conexións

Como diciamos, un dos grandes reclamos do bq Aquaris X é o seu deseño. Constátase a evolución desde os primeiros dispositivos de bq, onde este aspecto quedaba nun segundo plano, e podemos dicir que o X é un terminal bonito e que senta moi ben na man.

Na parte dianteira atopámonos coa pantalla, acabada co corte 2.5D, xunto coa cámara dianteira o flash frontal e diferentes sensores. Ademais, na parte inferior temos integrados os botóns capacitivos habituais de bq, integrados no corpo do trebello.

Por outro lado, na traseira temos o lecto de pegadas dixitais e a cámara principal, xunto co seu flash de dobre ton. Os botóns sitúanse no lateral dereito do dispositivo, e no esquerdo temos a bandexa extraíbel para a SIM ou a tarxeta microSD.  Finalmente, na parte superior atopámonos co conector de audio jack 3.5 e na inferior o USB Tipo C e o altofalante.

En canto aos materiais, bq apostou por uns marcos metálicos e o uso dun policarbonato suave ao tacto na tapa traseira, que proporciona un tacto moi agradábel, aínda que tamén hai que dicir que é moi amigo das pegadas. Así mesmo, cabe destacar que é resistente ás salpicaduras.

Hardware e rendemento

Enmarcado na gama media premium, o bq Aquaris X incorpora unha serie de especificacións que fan deste terminal un dispositivo áxil e áltura de usuarias exixentes. Os elementos máis destacábeis son os seguintes:

  • Procesador Qualcomm Snapdragon 626 (octa core a 2,2 GHz, fabricación en 14 nm).
  • GPU Adreno 506 até 650 MHz.
  • 3 GB de RAM
  • 32 GB de memoria interna (ampliábeis con tarxetas microSD até 200 GB)
  • NFC
  • Lector de pegadas dixitais
  • USB Tipo C
  • 3100 mAh con carga rápida Quick Charge 3.0
  • NFC

Con este hardware o dispositivo é quen de mover axilmente todo tipo de aplicacións, así como ter unha resposta rápida ás nosas interaccións. A aposta por procesadores Qualcomm non é nova en bq, e neste caso o fabricante aposta por un modelo que rinde moi ben e permite integrar a carga rápida, unha característica aínda non moi habitual na gama media.

Pantalla

A pantalla é un panel IPS de 5,2 polgadas, con tecnoloxía QUantum Color+ e resolución FullHD (423 píxeles por polgada). Ten a curvatura típica que ofrecen os paneis con corte 2.5D en ambos laterais, facendo que pantalla – terminal sexa todo un continuo.

É compatíbel coa multipresión e vén protexida con Dragontrail. O seu brillo, de 650 nits, permítenos facer uso do móbil en exteriores sen practicamente ver afectada a nosa experiencia.

Cámara

Chegamos a un punto chave, pois cada vez as usuarias somos máis exixentes aos respecto das cámaras que integran os nosos móbiles. En bq apostaron neste Aquaris X por un sensor Sony IMX296 de 16 megapíxeles e unha apertura de f/2.0.

A isto hai que sumar un importante traballo no apartado software, conseguindo unha aplicación de cámara que consigue sacarlle partido ao sensor, polo que os resultados son evidentes. O máis notorio é a mellora na velocidade de enfoque e disparo, pero tamén todo o abano de posibilidades que nos ofrece o manexo con controis manuais, cos que poderemos configurar os diferentes parámetros e sacar mellores imaxes se temos algo de coñecemento fotográfico.

No apartado de vídeo, admite gravación en 4K e ten funcións de slow motion, fast motion e time lapse, os efectos máis buscados nas cámaras para gardar os nosos recordos dunha maneira diferente, se así o desexamos.

Centrándonos xa na cámara dianteira, as melloras tamén son evidentes. bq deu o salto dos 5 aos 8 megapíxeles, aínda que neste caso cun sensor Samsung de apertura focal f/2.0. Neste caso a cámara mantense nos estándares habituais dos mellores terminais desta gama.

Podedes ver unha breve galería de imaxes tomadas co bq Aquaris X no noso perfil de Flickr.

Batería

No que ten a ver coa autonomía, auméntase un pouco a capacidade da batería até os 3100 mAh, unha mellora mínima pero necesaria para manterse, cando menos, nos mesmos estándares de autonomía dos terminais predecesores da marca.

 

Permítenos pasar o día sen apuros, pero o máis importante é que as usuarias máis intensivas poderán disfrutar da carga rápida coa que se carga o 50% da batería en apenas 30 minutos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Software

En canto ao software temos que falar outra vez dun factor diferencial. bq emprega Android puro, sen apenas modificacións, polo que a experiencia é a de usar un dispositivo “pure Google”. Tampouco pre-carga no dispositivo aplicacións innecesarias, senón que simplemente teremos pre-instaladas as aplicacións estándar.

Leva Android 7.1.1 – Nougat, a última versión de Android dispoñíbel a día de hoxe, e de seguir actuando como até o de agora, estamos certos de que serán dos primeiros dispositivos en integrar a seguinte versión de Android.

Conclusións

Logo de ter probado o bq Aquaris X a nosa conclusión principal é que se trata dun terminal a ter moi en conta por calquera usuaria que ande a buscar un terminal que responda moi ben no día a día sen ter que deixar a nómina enteira para facerse con el.

É un dispositivo que responde ben en tarefas pesadas e nos permite sacar moi boas fotos grazas a unha cámara que destaca pola súa calidade. Ademais, a integración do sistema de carga rápida de Qualcomm (por certo, con cargador integrado na caixa) permite sacarnos de máis dun apuro e non deixarnos tirado, polo que en conxunto é un dispositivo redondo.

O bq Aquaris X está dispoñíbel en dúas cores: podémolo elixir nunha combinación de negros ou nun branco / rosado. Custa 279 € e podémolo atopar a través das cadeas de distribución habituais ou online.

Sobre o autor

Reply