J3, J5 e J7, os novos trebellos da gama básica de Samsung

Co Galaxy S8 / S8+ á venda e colleitando cifras de éxito, a Samsung tocáballe actualizar as súas gamas máis básicas. Falamos da serie J, uns dispositivos modestos orientados ao público que busca un terminal funcional e non quere gastar moitos cartos.

Galaxy J3 2017 (oficial)

Anunciado oficialmente nos Estados Unidos, o Samsung Galaxy J3 2017 é o dispositivo máis básico do fabricante surcoreano, pensado para ser vendido en masa, a pesar de ter unhas características moi por baixo do que podemos atopar na mesma gama de prezos.

Leva unha pantalla HD de 5 polgadas, e no interior un procesador Samsung Exynos 7570, de catro núcleos a 1,4 GHz. Xunto a el, 1,5 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD de até 256 GB.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira de 5 megapíxeles e unha frontal de 2 Mpx. A batería sitúase nos 2600 mAh de capacidade e como versión de Android leva Nougat (7.0).

Polo de agora ponse á venda nos Estados Unidos a través da operadora AT&T, aínda que será cuestión de semanas que este modelo chegue ás tendas do noso país. En América véndese por 180 dólares, un prezo bastante alto para un terminal tan básico.

Galaxy J5 2017 (filtración)

A diferenza do J3, o J5 2017 non foi anunciado oficialmente. Porén isto non impediu que o trebello teña sido vítima dunha filtración que descubriu todas as súas características ao detalle.

A súa pantalla mantense nas 5,2 polgadas con resolución HD, mais o seu procesador pasa a ser un modelo OctaCore a 1,6 GHz, fronte os 1,4 da versión de 2016. Mantéñense as memorias (2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna), redúcese a batería aos 3000 mAh e mellórase a cámara frontal, que pasa a ser de 13 megapíxeles, igual que a traseira.

Como novidades, tamén temos LTE Cat 6, sensor de pegadas dixitais e a integración dun flash frontal.

Galaxy J7 2017 Max (filtración)

Por outro lado, temos o J7 2017, do que xa levamos algún temo escoitando rumores. Trátase dunha versión actualizada do modelo de 2016, mantendo as 5,5 polgadas (aínda que agora Full HD), mellorando as cámaras (13 / 13 Mpx, ambas con flash) e aumentando 1 GB de RAM para acadar os 3 GB. Tamén medra a batería até os 3600 mAh e se incorpora o lector de pegadas dixitais. Porén, non hai cambios no procesador.

O Galaxy J7 2017 tamén chegaría cunha versión “Max”, cuxas especificacións técnicas serían algo superiores á versión estándar. As principais características resúmense na seguinte listaxe:

  • Pantalla de 5,7 polgadas Full HD
  • Procesador MediaTek MT6757V (8 núcleos)
  • 4 GB de RAM
  • 32 GB de memoria interna (ampliábeis)
  • Cámara traseira e frontal de 13 megapíxeles, en ambos casos con flash LED
  • Batería 3300 mAh
  • 4G / LTE Cat 4
  • Android 7.0 Nougat

O que máis nos chama a atención é que desta vez Samsung prescindiría dos procesadores Qualcomm e os Exynos, para apostar por MediaTek. Así mesmo, tamén é digno de mencionar a aposta pola fotografía coa incorporación do flash frontal, e no apartado de software por incorporar Samsung Pay Mini.

Haberá que agardar aínda un tempo para sabérmonos cando chegarán estes modelos ao noso país, e sobre todo, a que prezos o farán.

Sobre o autor

Reply