Lenovo aposta pola gama baixa co Moto C, un terminal de menos de 100 euros

Lenovo vén de anunciar o lanzamento dun terminal de gama baixa e bo prezo, dirixido a un público moi específico que non precisa dun terminal potente e, sobre todo, que non quere gastar moito. Falamos do novo Moto C.

Na súa folla de especificacións atopámonos cunha pantalla de 5 polgadas e resolución HD (854 x 480 píxeles), procesador MediaTek de catro núcleos, 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

Monta unha cámara principal de 5 megapíxeles e unha batería de 2350 mAh, que atendendo ao resto de especificacións (e moi especialmente á resolución de pantalla) deberían ser máis ca abondo para aguantar xornada e media de actividade.

A este hardware temos que engadir a experiencia de poder empregar Android puro, na súa versión 7.0 Nougat. Como vén sendo habitual nos modelos Moto, non hai modificacións importantes en software, polo que o rendemento vai ser áxil, dentro das súas posibilidades.

Como elemento diferenciador, Lenovo pon este móbil á venda en diferentes cores, algunha dela máis atrevida e diferente, como o cereixa metalizado, que se suma aos clásicos negro e dourado.

Se falamos de prezos, haberá dúas variantes, unha que só soporta as redes móbiles 3G por 89 euros e outra con 4G por 10 euros máis, 99 euros.

Moto C Plus

Esta nova familia Moto de Lenovo tamén vén cunha versión Plus, un modelo que mellora algúns puntos do Moto C estándar:

  • Batería. A batería pasa a ser de 4000 mAh, o que fará que teñamos uns 3 días de autonomía para un uso moderado.
  • RAM. Pásase a ter 2 GB de RAM
  • Cámara. A cámara principal sube até os 8 megapíxeles, e a frontal incorpora luz para o selfie.

Estas diferenzas tamén implican un prezo algo superior, xa que o Moto C Plus estará dispoñíbel por 129 euros.

Ambos os dous modelos, versión estandar e plus, chegarán ao mercado no próximo mes de xuño.

Sobre o autor

Reply