Analizamos o Samsung Galaxy S8+, o Androide rei

Chegou o momento de falar do smartphone do que todas falan: o Samsung Galaxy S8+. Tras o episodio a esquecer do Galaxy Note7, todas as miradas estaban postas no fabricante surcoreano, pensando en como poderían ser quen de sorprendernos, de ofrecer ao público un dispositivo co que sacar músculo e demostrar non só que seguen vivas, senón que tamén con moita batalla que dar.

Igual que no seu momento o Galaxy S6 Edge supuxo un punto de inflexión, o Galaxy S8 é a mostra da madurez de Samsung, deixando de lado os experimentos e amosando ao mundo, e ao resto de fabricantes, o camiño a seguir.

A diferenza de outros anos, onde tiñamos a escoller unha versión flat (pantalla plana) ou curva (Edge), desta vez Samsung reduciu as opcións: ambas versións, Galaxy S8 e S8+ veñen con pantalla curvada, sendo a (case) única diferenza entre ambos modelos o tamaño da mesma. Pola nosa mesa de análises pasou a versión superior, o Galaxy S8+, e estas son as nosas impresións

Deseño, acabado e conexións

Para gustos están as cores, pero se hai algo no que case todo o mundo coincide é en que o S8 é precioso. Todo está milimetricamente pensado, non quedando detalle do deseño sen perfilar. A gran aposta dos S8 é a súa pantalla infinita, é dicir, que ocupa toda a parte frontal do terminal, a excepcións dus reducidísimos pero necesarios marcos superior e inferior.

A curvatura da pantalla é lixeiramente inferior á do Galaxy S7 Edge, co que se consegue unha mellor sensación de continuidade, mellor uso e mellor agarre. Así mesmo, a curvatura do chasis do dispositivo na parte traseira é practicamente a mesma facendo que sexa un teléfono simétrico mirémolo como o miremos.

Na parte traseira temos cristal, con protección Gorilla Glass 5, protección que tamén leva a pantalla frontal. A fusión de ambas láminas co chasis de aluminio está moi ben conseguida, facendo que o medo que poderíamos ter agarrando un S6 ou S7 Edge non exista neste modelo. Ademais, non é un dispositivo esvaradizo, nin nas mans nin situado sobre unha superficie.

Supón ter unha pantalla de 5,8 ou 6,2 polgadas estarmos a falar dun dispositivo monstrosamente grande? En absoluto. Ter un móbil que é “todo pantalla” fai que podamos gozar de 5,8 polgadas no corpo dun móbil de 5,1, mentres que o de 6,2 é semellante a un móbil de 5,5 tradicional. Neste aspecto, as persoas que estean afeitas a móbiles grandes (5,5 polgadas) disfrutarán moito máis co S8+, mentres que as máis reticentes a subir das 5 polgadas quedan moi sorprendidas coa versión de 5,8. Hai que telo na man para darse conta.

Na parte frontal pérdese o icónico botón de inicio de Samsung, que desaparece integrado no sistema operativo e, polo tanto, pérdese tamén o lector de pegadas dixitais frontal. Aínda que nun primeiro momento especulábase que este sensor quedase integrado na pantalla, finalmente a súa ubicación é posterior, próxima á cámara. Temos que recoñecer que eramos reticentes sobre esta ubicación, especialmente falando do S8+, mais o uso deulle a razón a Samsung e resultou bastante cómodo.

Na parte superior da frontal temos a cámara e diferentes sensores, mentres que os botóns divídense en ambos laterais. No esquerdo temos un acceso directo a Bixby, do que falaremos máis adiante, e os controis de volume, mentres que no dereito temos o botón de acendido.

Na parte inferior, ademais do altofalante, temos o conector USB Tipo C e o jack de audio de 3.5 mm. A bandexa para as tarxeta nanoSIM e/ou microSD está na parte superior e na traseira temos, como xa comentamos, o lector de pegadas dixitais. Xunto a el a cámara principal co seu flash e láser de enfoque.

Cabe destacar tamén que o dispositivo tamén é resistente á auga e ao pó, algo que, como sempre, debemos entender como un elemento de seguranza a maiores, mais non como un seguro de vida para o noso teléfono.

Hardware e rendemento

No interior dos Samsung Galaxy S8 / S8+ atopámonos cun procesador que varía segundo o país, entre o Qualcomm Snapdragon 835 e o Exynos 8895, de fabricación propia. Este último é o que se comercializa no noso país, e tamén o que está a conseguir os mellores números en canto a rendemento.

Acompañando ao procesador temos 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB. Leva conectividade WiFi, Bluetooth 5.0, ANT+, USB Tipo C e GPS (Glonass e Galileo), ademais de lector de pegadas dixitais e de iris.

Os resultados reais? O móbil móvese áxil e rápido, sen lags de ningún tipo, algo que percibimos especialmente cando usamos xogos que requiren un hardware á altura.

Pantalla

Como xa dixemos, a pantalla é a gran protagonista nos Galaxy S8. Estamos a falar de paneis de 5,8 e 6,2 polgadas, para a versión estándar e plus, respectivamente. En ambos casos levan resolución QuadHD+ (2960 x 1440 píxeles), mais por defecto veñen con FullHD+ (2220 x 1080 píxeles). De querer empregar a máxima resolución debemos facelo desde o menú de axustes, desde onde tamén poderemos baixala a HD+ (1480 x 720 píxeles).

Os paneis AMOLED de Samsung caracterízanse, sobre todo, polas súas cores vivas, algo que se mantén nos novos Galaxy S8. Isto permítenos gozar de imaxes cunha cor que sorprende, o que fará as delicias das usuarias máis exixentes e nos permite disfrutar de contidos multimedia con gusto. Ademais, as pantallas dos S8 veñen certificadas por HDR Premium con soporte a HDR10, que disfrutaremos sempre e cando os contidos estén preparados (en Netflix e Amazon Prime comeza a popularizarse).

Ao igual ca no LG G6 que analizamos hai uns días, os S8 teñen unha pantalla alongada, concretamente con relación 18,5:9. Isto permítenos ter máis polgadas e manter un dispositivo agarrábel coa man, pero tamén poder ter máis información en pantalla. A maioría das aplicacións adáptanse á mesma, polo que podemos ver máis información sen facer scroll, pero para as que non están adaptadas Samsung permite un axuste manual que forza ás aplicación a axustarse á pantalla completa.

Resumindo, a pantalla do S8+ é unha gozada, tanto pola súa nitidez como polas cores e as posibilidades que ofrece á hora de disfrutar de máis contidos ou traballar con varias aplicacións abertas ao mesmo tempo.

Cámara

Falemos da cámara. Moita xente esperaba que Samsung dese o salto ao dobre sensor, como fixeron Huawei e LG, mais non foi así. Se os rumores apuntan na boa dirección, será o Galaxy Note 8 o primeiro terminal da gama alta de Samsung en dar o salto a ese tipo de cámaras dobre, haberá que agardar para ver se realmente e así e, de selo, con que estratexia.

A cámara principal é un sensor de 12 megapíxeles, con tecnoloxía Dual Pixel, estabilizador óptico e apertura f/1.7. Grazas a isto, coa cámara dos S8 / S8+ podemos tomar imaxes de gran calidade en escenas con pouca luz, como tomas nocturnas. Así mesmo, tamén aplica o HDR de maneira automática, polo que as fotos non perden ningún detalle.

Ficamos especialmente sorprendidas coa velocidade de enfoque no modo automático, o que facilita non perder ningunha oportunidade de disparo. Na aplicación tamén teremos unha chea de escollas, xa non só por diferentes “modos”, senón tamén con opcións para aplicar stickers e filtros en tempo real.

As usuarias máis profesionais gozarán coas opcións do modo “pro”, nas que se poden axustar os diferentes parámetros de maneira manual para sacar mellores fotos se se teñen os coñecementos axeitados. A continuación poderedes ver unha galería de imaxes no noso perfil de Flickr.

Batería

A batería no Galaxy S8+ é de 3500 mAh, unha capacidade 500 mAh por riba do S8 estándar. Facendo un uso medianamente intenso somos quen de acabar unha xornada co 30% da batería.

Realmente o S8, igual ca os seus predecesores, non destaca especialmente neste punto, ao que Samsung semella prestar unha atención menor. Imaxinamos que non quixeron arriscar a poñer unha batería de máis capacidade para evitar problemas semellantes aos do Note7, polo que a estratexia volveu ser a da carga rápida.

Funcións como a pantalla sempre activa (Always On) para as notificacións inflúen nun consumo maior da batería, algo que se pode desactivar se non o usamos ou, cando menos, programar para que só funcione durante unhas horas ao día. Haii que sinalar que cando o móbil está gardado (no peto ou nun bolso) a pantalla sempre está apagada.

A carga rápida mellora, permitindo ter o 100% da batería cargada en hora e media ou, cando menos, darlle un bo “chute” de enerxía con apenas 15 minutos de enchufe. Ademais, o sistema de carga sen fíos tamén gaña velocidade sobre as versións que vimos no S6 e S7.

Software

A nível software, os S8 / S8+ veñen con Android 7.0 Nougat, pero como é habitual en Samsung chega coa súa capa de personalización propia. Aquí temos que esquecernos de TouchWiz, que pasa a ser Samsung Experience 8.1, que mellora sustancialmente a experiencia de usuaria para sacarlle todo o partido ao móbil.

O teléfono trae preinstalado bastante software, algo habitual en todos os dispositivos do fabricante surcoreano. Sorprende, aínda que xa non é novidade, que Samsung integra o pack de aplicacións de Microsoft preinstaladas (Word, Excel, PowerPoint, OneDrive, OneNove e Skype), que poden ser de interese ou non para as usuarias. Non se poden desinstalar aínda que si inhabilitar para agochalas do menú.

Como todos os dispositivos con pantalla curvada de Samsung, temos as opcións “Edge“. Neste lateral podemos configurar contactos rápidos, aplicacións ou tamén acceder a novas e outras funcionalidades. Así mesmo, tamén temos unha ferramenta que nos permite facer recortes de pantalla para enviar a contactos con notas ou gifs a partir de vídeos.

Mención á parte merece Bixby, o novo asistente de Samsung. Chamado a ser un “Google Assistant” ou “Siri” propio, o certo é que a estas alturas é máis unha declaración de intencións ca algo real. Polo de agora trátase dun sistema de tarxetas con información moi parecido a Google Now, aínda que con algunhas funcións extra que van mellorando conforme imos usando o noso móbil, xa que vai aprendendo dos nosos usos.

Bixby permítenos acceder a novas, información das redes sociais, a nosa axenda ou a programar alarmas dependendo dos nosos usos. Por outro lado temos Bixby Vision, integrado totalmente na cámara para poder ofrecernos información de produtos con tan só enfocalos, axudándonos a recoñecelos e mesmo accedendo á posibilidade de mercalos directametne.

Este asistente virtual conta cun botón propio no lateral esquerdo do dispositivo, e segundo parece será unha actualización que chegará nas próximas semanas o que active todas as súas potencialidades.

Seguridade

Samsung foi un dos primeiros fabricantes en introducir o lector de pegadas dixitais como elemento de seguridade nos seus smartphones de gama alta hai uns anos, e co Galaxy Note7 foi un paso máis aló, integrando tamén o escáner de iris. Porén, dado que ese modelo non chegou a poñerse á venda no noso país, os S8 / S8+ son os primeiros móbiles de Samsung en integrar esta tecnoloxía de maneira comercial.

A idea de Samsung é que protexamos o noso dispositivo con ambos métodos biométricos, pegada e iris. O iris é un dos métodos máis seguros de identificación das persoas, polo que non está de máis configuralo. Deste modo, podemos pousar o noso dedo no lector ou simplemente mirar o noso móbil para desbloquealo, aínda que temos que poñelo a uns 30 cm. Como curiosidade, funciona correctamente con case todo tipo de lentes para persoas que as precisan e mesmo tamén en entornos con moita luz.

Adicionalmente Samsung tamén permite desbloquear o móbil co sistema de recoñecemento facial, aínda que non o considera un elemento seguro polo doado que pode resultar o engano ao dispositivo. Por iso este método de desbloqueo non se pode empregar para cousas un pouco máis serias, como os pagos con Samsung Pay ou o acceso ao cartafol seguro de Samsung, nos que “só” podemos usar PIN / pegada dixital e/ou iris.

Ecosistema

Os novos Galaxy S8 / S8+ non chegaron sós. Xunto a eles, Samsung puxo á nosa disposición toda unha serie de accesorios e gadgets cos que podermos ter unha experiencia aínda máis completa.

Deixando de lado todo o que ten a ver coas  fundas, dispoñíbeis en múltiples formas e acabados, hai dous aparellos que destacan sobre o resto. O primeiro é a cámara Gear 360 (2017), unha segunda versión da cámara de peto coa que podemos gravar vídeos en 360 graos e calidade 4K, así como facer retranmisións en directo a través das nosas redes sociais. Proximamente publicaremos unha review sobre este trebello, logo de telo probado durante 15 días.

O outro aparello é o Samsung Dex, un dock ao que poderemos conectarlle unha pantalla e periféricos (teclados, ratos…) e que, ao colocarlle o noso Galaxy S8 / S8+ enriba, tranformará o noso móbil nunha versión de ordenador de escritorio, aumentando as posibilidade de produtividade.

Sen dúbida, trátase dunha visión futura do que poderemos facer cos nosos trebellos, e á que Samsung, sen ser a primeira compañía en tratala, vén de poñer o seu grao de area para facela realidade.

Conclusións

Non cabe dúbida de que o Galaxy S8 é o mellor móbil de Samsung, e seguramente o teléfono máis ambicioso co que podemos facernos a día de hoxe. Ao seu deseño coidado até o mínimo detalle hai que sumarlle un hardware á altura e un software que lle saca todo o partido para termos un dispositivo de 10.

As diferenzas entre ambos modelos, o S8 e o S8+, limítanse ao tamaño de pantalla e á batería, mais non ao resto de prestacións, como ten acontecido en ocasións anteriores. As persoas afeitas a teléfonos de 5,1 polgadas gozarán máis co S8, mentres que as que prefiran un dispositivo de 5,5 polgadas farano co S8+ polo bo traballo na relación pantalla / corpo do dispositivo conseguida por Samsung.

En canto á dispoñibilidades e prezos, ambos modelos pódense mercar en negro, prata e gris orquídea. o Galaxy S8 custa 809 euros, mentres que o S8+ chega aos 909 euros.

Sobre o autor

No Responses

Reply