Hoxe elimínase o roaming en Europa: que debes saber?

Baixas a Portugal esta fin de semana? Tes previsto viaxar a algún país da UE este verán? Tranqui, poderás usar o teu móbil como se estiveras na casa. Por fin chegou o ansiado fin do roaming ou itinerancia, e desde hoxe cústanos exactamente o mesmo chamar ou navegar desde o territorio estatal ou desde calquera outro país da Unión Europea.

O cambio tarifario aplícase de xeito automático e totalmente transparente para as usuarias, con independencia de cal sexa o noso operador. Porén, debemos ter conta de activar (se non o temos feito xa) a “itinerancia de datos” no menú do noso dispositivo para permitirlle o acceso á navegación.

A nova norma europea “Roam like at home” establece que calquera usuaria mantén a súa tarifa local desde calquera dos 28 países da UE. É dicir, que se temos unha tarifa con chamadas ilimitadas e 10 GB de datos poderemos empregalos en Betanzos ou en Dublín. Como curiosidade, se estamos nun país (poñamos Alemaña) e chamamos a un número dese país ou outro incluído no plan aplicarase a nosa tarifa local (é dicir, como se estiveramos en Galiza e chamáramos a un número do noso país).

A listaxe dos países nos que se elimina o roaming é a seguinte: Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Francia (illas de Reunión e Guadalupe incluídas), Grecia, Holanda, Hungría, Irlanda (Eire), Italia/Vaticano, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Mónaco, Polonia, Portugal (Azores/Madeira incluídos), Reino Unido (non se inclúen as illas de Man, Bailía de Jersey e  Bailía de Guernsey), República Checa, Romanía e Suecia. Ademais, tamén forman parte tres países da Asociación Europea de Libre Comercio: Liechtenstein, Islandia e Noruega.

Política de uso razoábel

Pese a apertura destea norma, a Comunidade Europea aplicará unha política de uso razoábel para evitar a pillaxe. A priori, as chamadas e as mensaxes SMS van quedar fóra deste control, mais non así os datos, de maneira que se se detecta que unha usuaria fai uso maioritario noutro país nun periódo de catro meses a súa operadora poderá solicitar que aclare a situación, tendo a clienta un prazo de 14 días para facelo.

No caso de non poder demostrar que se trata dun uso razoábel, os excesos tarificaríanse de acordo a esta táboa de prezos:

  • Voz: 3,2 cént/min
  • SMS: 1 cént/SMS
  • Datos: 7,7 €/GB de exceso. A partir do 1 de xaneiro de 2018 serán 6 €/GB, 4,5 €/GB a partir do 1 de xaneiro de 2019, 3,5 €/GB a partir do 1 de xaneiro de 2020, 3 €/GB logo do 1 de xaneiro de 2021 e, finalmente, 2,5 €/GB a partir do 1 de xaneiro de 2022.
  • A todos estes prezos habería que sumarlle o IVE
Que vos parece? Xa tedes prevista unha viaxe para disfrutar destes cambios tarifarios?

Sobre o autor

Reply