Kodak anuncia dúas novas tablets de baixo custo fabricadas por Archos

Kodak, o mítico fabricante de cámaras e accesorios fotográficos, vén de anunciar dúas tablets de baixo custo orientadas ao mercado europeo. Están fabricadas por Archos e destacan por un prezo baixo, ligado tamén a unhas características básicas, abondas para un público que non quere investir moito neste tipo de dispositivos.

Ambos dispositivos comparten gran parte da súa folla de especificacións: levan un procesador MediaTek MT8321 de catro núcleos, 1 GB de memoria RAM, cámaras de 8 e 2 megapíxeles, conectividade WiFi + 3G e Android 7.0 Nougat practicamente limpo, aínda que con apps específicas ligadas á fotografía.

As diferenzas entre ambos modelos son as seguintes:

  • Pantalla: 7 polgadas (1024 x 600 píxeles) ou 10 polgadas (1280 x 720 píxeles)
  • Memoria: 16 GB (7 polgadas) ou 32 GB (10 polgadas)
  • Batería: 2.500 mAh (7 polgadas) ou 6000 mAh (10 polgadas)

En canto a prezos, estes son acordes ao tipo de dispositivos dos que estamos a falar. O modelo de 7 polgadas custa 79,99 euros, mentres que o de 10 ascende a 119,99 €. En calquera caso, son unhas cantidades moi baixas se temos en conta que, malia ter unhas prestacións básicas, ambas tablets dispoñen de conectividade 3G.

Sobre o autor

Reply