Archos renova a súa gama de smartphones con novos dispositivos

O fabricante francés Archos vén de renovar o seu portfolio de dispositivos con novos modelos cos que aspira a acrecentar as súas cotas de mercado, ofrecendo ás usuarias diferentes opcións para necesidades diversas. Na liña Diamond temos dous novos modelos (deseñados por Nubia), mentres que na serie Sense aparecen outros dous trebellos, un con escasos marcos e outro do tipo robustecido.

Archos Diamond Alpha

O Diamond Alpha é un dispositivo de gama media que incorpora unha pantalla FullHD de 5,2 polgadas protexida por Gorilla Glass. No seu interior temos espazo para un procesador Qualcomm Snapdragon 652, 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna ampliábeis.

Leva dobre sensor traseiro Sony de 13 megapíxeles (un en branco e negro e outro a toda cor), ademais dunha cámara frontal de 16 megapíxeles para sacar autorretratos de gran calidade. A aplicación de fotos tamén axuda a complementar a experiencia fotográfica, ofrecendo diversos filtros e funcionalidades extra.

Está previsto que se comercialice a partir do mes de xullo por 399 euros.

Archos Diamond Gamma

No caso do Diamond Gamma atopámonos cun trebello con deseño fino (menos de 8 mm) e lixeiro. Construído en aluminio, o móbil alberga unha pantalla IPS HD con curvatura 2.5D de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm de 8 núcleos e 64 bits, 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis con memorias microSD de até 128 GB.

A cámara traseira é un sensor Samsung de 13 megapíxeles e a frontal un de 5 megapíxeles. A batería sitúase nos 3000 mAh de capacidade, e funciona con Android 7 – Nougat.

Ao igual ca o Alpha, o Diamond Gamma estará dispoñíbel a partir do mes de xullo, aínda que neste caso por 199 euros.

Archos Sense 55S

Pasamos á familia Sense. O primeiro modelo é o Sense 55S, un dispositivo con pantalla IPS HD sen bordes de 5,5 polgadas. Fóra diso, polo demais é un móbil bastante xusto en hardware, con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis.

A dobre cámara traseira está composta por dous sensores de 8 megapíxeles, leva 3000 mAh de batería e dispón de lector de pegadas dixitais, situado na parte traseira do trebello para dotalo dun nível extra de seguridade. O seu sistema operativo é Android 7.0 Nougat.

Polo de agora descoñécese a data na que estará dispoñíbel, mais o seu prezo será de 199 euros.

Archos Sense 50X

Finalmente, o Sense 50X é un modelo que se enmarca nos coñecidos como “teléfonos robustecidos”, modelos que dispoñen dunha protección superior á media. A súa carcasa protéxeo conforme ao estándar IP68, resistindo as rabuñadas, o pó, as caídas até 1 metro ou a inmmersión en auga durante 30 minutos.

Tamén pode traballar a temperaturas inferiores aos -20 ºC e superiores aos +55 ºC, e a súa pantalla FHD de 5 polgadas está protexida con Gorilla Glass 3.

No interior leva un chipset MediaTek MT6737 de catro núcleos a 1,5 GHz, 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna (ampliábeis por microSD até 128 GB). A batería é de 3500 mAh e vén con Android 7.0 Nougat.

O Sense 50X chegará no mes de xullo por 269 euros.

Sobre o autor

Reply