Huawei actualiza a gama de entrada cos novos Y6 e Y6 2017

Malia o esforzo de Huawei por medirse cos grandes fabricantes na gama alta co P10 e P10 Plus, o fabricante chinés non se quere esquecer tampouco da gama de entrada, os modelos máis económicos que, ao fin e ao cabo, acaban por ser os máis vendidos. Actualizando os seus trebellos do ano pasado, vén de presentar os novos Huawei Y7 e Huawei Y6 2017, nos que aposta por uns prezos bastante competitivos.

Huawei Y7

Deseño, cámara e batería son os tres puntos nos que se centrou Huawei para realizar estes modelos. O Huawei Y7 aposta por unha pantalla con cristal 2.5D e 5 polgadas con resolución HD (1280 x 720 píxeles), que ademais leva unha tecnoloxía chamada “Eye Comfort” que, segundo din, protexe a vista á hora de ver unha película ou ler no terminal.

No interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 435 de oito núcleos, dos cales 4 van a 1,4 GHz e outros catro a 1,1 GHz. Acompáñano 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna (ampliábeis a 128 GB con microSD). A cámara principal ten unha resolución de 12 Mpx e a frontal de 8 Mpx con diferentes modos de beleza.

Huawei Y6 2017

Actualizando o Huawei Y6 Compact, o Y6 2017 aposta pola conectividade e a cámara, deixando un pouco máis esquecidas o resto de prestacións.

O procesador escollido polo fabricante chinés é un modelo MediaTek de catro núcleos a 1,4 GHz, e xunto a el a combinación 2 / 16 para RAM e memoria interna, respectivamente. A cámara principal é de 13 megapíxeles e a frontal de 5 Mpx, mentres que a batería queda situada nos 3000 mAh de capacidade.

Como nota máis negativa, o trebello sae á venda con Android 6.0, polo que é máis ca probábel que non reciba actualizacións, xa que estamos a piques de que Android 8.0 sexa oficial.

Dispoñibilidade e prezo

O Huawei Y7 xa está dispoñíbel en gris, prata e dourado por 219 euros, mentres que o Y6 2017 estará dispoñíbel o 1 de xullo en gris, dourado e branco. Deste último haberá dúas versións, unha con single SIM e outra con dual SIM, e custará 159 euros.

Sobre o autor

Reply