Analizamos o Samsung Gear S3 Frontier

Aínda que a súa expansión é lenta, o negocio dos smartwatches ou reloxos intelixentes cada vez é máis xugoso. Por iso cada vez son máis os fabricantes que crean ou manteñen esta liña de traballo, pondo a disposición das usuarias diferentes modelos. Unha das empresas pioneiras neste sector é Samsung, que xa leva uns anos no sector dos smartwatches. Os seus últimos modelos, a liña Gear S3, supoñen un importante paso adiante en canto a deseño e funcionalidades, no camiño da excelencia tecnolóxica.

Polas nosas mans vén de pasar o Samsung Gear S3 Frontier, o modelo cun acabado máis deportivo, que pasamos a comentar máis polo miúdo.

Características técnicas

O Gear S3 Frontier leva unha pantalla de 1,3 polgadas Super AMOLED con protección Gorilla Glass SR+ e unha resolución de 360 x 360 píxeles, isto é 278 píxeles por polgada. No seu interior atopámonos cun procesador Exynos 7270 dual core a 1 GHZ, xunto con 768 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna non ampliábeis.

Dispón de certificación IP68, micrófono, altofalante e diversas opcións de conectividade e sensores, como WiFi 802.11n, Bluetooth 4.1, NFC, GPS, acelerómetro, barómetro, sensor de ritmo cardíaco e MTS para pagos móbiles con Samsung Pay.

Deseño, acabado e conexións

En canto a deseño, existene dúas variantes, o Gear S3 Classic, cun aspecto máis centrado na elegancia, e o Gear S3 Frontier, orientado a un público que busca un modelo máis deportivo e obxecto desta análise. O primeiro que cómpre destacar del é que garda máis parecidos cun reloxo ca con un gadget, o que supón un avance de cara a súa introdución no mercado, xa que os modelos con pinta de “accesorio dixital” non están a convencer demasiado.

En canto aos materiais, combina o aceiro con diferentes elementos plásticos, e ten unha correa de “silicona activa”. Cabe sinalar que esta é facilmente intercambiábel coas correas de 22 mm que podemos atopar en calqeura xoiería.

Na parte frontal temos un anel circular xiratorio, o que nos permite ir seleccionando diferentes opcións no reloxo. No lateral dereito sitúanse os dous botóns e o micrófono para a introdución de audio, e no lado contrario un pequeno altofalante. Xa na parte traseira temos o sensor de ritmo cardíaco.

Sistema operativo

Tal e como acontece cos anteriores reloxos de Samsung, o Gear S3 leva Tizen como sistema operativo. A diferenza de Android Wear, Tizen resulta bastante máis eficiente e ten máis opcións de personalización.

Así e todo, debemos instalar a aplicación Gear Manager no noso teléfono para acceder a todas as opcións de personalización e xestión do reloxo, tendo así unha experiencia moito máis completa.

Un dos puntos máis a destacar neste aspecto é a xestión da práctica deportiva. O reloxo é capaz de detectar automaticamente todo tipo de deportes, incluídas as diferentes máquinas que podemos empregar nun ximnasio. Combinando estes datos coa aplicación Samsung Health teremos acceso a moita información sobre a nosa saúde e actividade diaria.

Batería

A batería mellora notabelmente desde o Gear S2, que tiña 250 mAh. O Gear S3 Frontier sube até os 380 mAh e mantén a carga totalmente sen fíos a través da súa base, aínda que tamén podería cargarse a través de outros sistemas de carga contactless.

Segundo as nosas probas, para un uso moderadamente intenso puidemos acadar os 3 días completos de uso, o cal nos pareceu que estaba bastante ben para un dispositivo destas características.

Conclusións

O Samsung Gear S3 é un reloxo moi completo. Por unha banda temos un deseño coidado e ben pensando, mais por outro dispomos de materiais de calidade e funcionalidades que fan que sexa un dispositivo moi a ter en conta.

A calidade dos materiais, a autonomía, os seus sensores… e unha serie de aplicacións que permiten levar a cabo unha chea de opcións, especialmente para facer deporte, fan que seguramente sexa unha das mellores opcións para as usuarias que buscan un reloxo de calidade.

O Gear S3 Frontier pódese mercar en varias tendas, como en Amazon, onde está dispoñíbel por 359 euros.

Sobre o autor

Reply