O Samsung Galaxy Note8 presentaríase o 23 de agosto en New York

Nos últimos anos Samsung aproveitaba a súa presenza na IFA de Berlín de finais do verán para anunciar os seus dispositivos Note, aínda que este ano podería ser diferente. Segundo apuntan varios rumores, o Samsung Galaxy Note8 será presentado nun evento que terá lugar en New York o vindeiro 23 de agosto.

O novo trebello será, segundo as imaxes filtradas até o de agora, moi semellante aos Galaxy S8 / S8+, e en certa maneira repetiranse moitas das súas especificacións, aínda que con todo o abano de opcións que outorga o S-Pen, peza característica dos Note.

Até o de agora fálase de que o Galaxy Note8 viría cunha pantalla SuperAMOLED de 5,7 polgadas con resolución 3840 x 2160 píxeles (unha densidade de 773 píxeles por polgada) e protección Corning Gorilla Glass 5. No seu interior levaría 6 GB de memoria RAM e opcións de 64 ou 128 GB de almacenaxe interna ampliábeis mediante microSD de até 256 GB.

No apartado fotográfico teríamos importantes novidades, pois sería a primeira vez que Samsung introduce un sistema de dobre cámara nun dispositivo de alta gama. No concreto, teríase unha cámara dobre de 13 megapíxeles con detección de fase e estabilizador óptico, mentres que na cámara frontal apostaría por unha cámara de 8 megapíxeles.

Como elementos adicionais, o Galaxy Note8 contaría con lector de pegadas dixitais e escáner de iris, protección contra auga e pó segundo o estándar IP68, Bluetooth 5.0, NFC, USB Tipo C e soporte para Samsung DeX.

Teremos que agardar uns días para saber se finalmente Samsung confirma a data da presentación do novo Note8 mediante o envío dos convites ao evento, así como para seguir descubrindo especificacións concretas mediante as numerosas filtracións que irán aparecendo.

Sobre o autor

Reply