FreedomPop mellora a calidade coa incorporación do 4G e chamadas tradicionais

FreedomPop, a operadora que hai uns meses chegou ao noso país cunha tarifa básica gratuíta, adiantou hoxe un importante acordo cun operador de rede que lle permitirá mellorar notabelmente a calidade do seu servizo grazas á incorporación do 4G e as chamadas tradicionais.

Con este acordo FreedomPop porá fin aos problemas xurdidos hai varios meses, cando as usuarias comezaron a expermientar problemas de conexión baixo a cobertura de Orange, que foron solucionados ao priorizar o uso da cobertura Movistar. Agora este problema semella quedar arranxado, ademais de incluír velocidades 4G, até o de agora inexistentes. Porén, non confirman cal será o operador que lles ofreza o servizo, pero fica claro que Orange non é.

A outra gran novidade é que este acordo tamén permite ás usuarias de FreedomPop acceder a realizar chamadas de voz tradicionais, xa que até o de agora gratuitamente só permitía empregar VoIP, cuxa calidade varía moito dependendo da cobertura que se teña.

O que non cambia é a oferta comercial da compañía, especialmente a modalidade gratuíta, que continúa mantendo os seus 100 minutos, 200 MB e 300 SMS ao mes por 0 €/mes. Adicionalmente, as usuarias que precisen máis, poden optar polo plan de 5 GB e chamadas ilimitadas por 14,99 euros ou outras opcións superiores.

Actualmente FreedomPop ten máis de 100.000 clientes no Estado español e agarda medrar a unha cifra entre os 300.000 e o millón de suscritores en menos de dous anos. A compañía asegura que máis do 50% das usuarias españolas non pagan nada polo servizo móbil, mentres que aquelas que si o fan pagan entre un 30 e un 40% menos ca noutra compañías da competencia.

About The Author

Reply