Android Pay chega ao noso país, pero so é compatíbel co BBVA (de momento)

Logo de dous anos de funcionamento nos Estados Unidos, por fin Google anunciou o lanzamento da súa plataforma de pagos móbiles, Android Pay, no noso país. Trátase do terceiro gran sistema en facelo, logo de Samsung Pay e Apple Pay, opcións que, xunto coas propias dos bancos, están a coller cada día máis usuarias.

A vantaxe principal de Android Pay fronte á competencia é a versatibilidade e a facilidade de uso. Por unha banda, é compatíbel con calquera smartphone ou tablet con NFC e unha versión posterior á 4.4 (KitKat), así como cos reloxos Android Wear, o que fai que practicamente todas as usuarias teñan un trebello válido. Por outro lado, o seu uso é tan simple como aproximar o móbil coa pantalla activa ao terminal de pago, sen ter que previamente abrir unha aplicación.

O que tamén será necesario para podermos empregar Android Pay é sermos usuarias do BBVA e ter unha tarxeta desta entidade compatíbel (case todas as VISA e Mastercard que ofrecen o son), mais segundo parece proximamente vai haber máis tarxetas e entidades compatíbeis.

Ademais, Android Pay tamén se integra en tendas online a aplicacións, de maneira que poderemos empregalo como ssitema de pago, evitando así ter que andar cubrindo os datos de pago de cada vez. Hotel Tonight ou Vueling xa ofrecen este servizo, e proximamente engadiranse outros como Just Eat ou Privalia.

Resto de alternativas

Como xa dixemos antes, deixando de lado os sistemas de pago móbil propios de cada banco, as usuarias dúas opcións alternativas a Android Pay, que son Samsung Pay e Apple Pay.

Samsung Pay é a plataforma que ten un maior número de acordos con entidades bancarias, en concreto con Abanca, CaixaBank, ImaginBank, Banc Sabadell, Banco Santander e os servizos financieiros de El Corte Inglés. Para usalo debemos contar cun teléfono compatíbel (S6 / S6 Edge / S6 Edge+ / S7 / S7 Edge / S8 / S8 Plus / A5 16 e A5 17) e como seguridade ten toda a infraestrutura de Samsung Knox.

Por outro lado, Apple Pay traballa co Banco Santander e os servizos financieiros de Carrefour e pódese usar nos iPhone 6 / 6 Plus / SE / 7 / 7 Plus, no Apple Watch e desde o iPad Mini 3 e iPad Air 2. A seguridade vén dada por Touch ID e o chip Secure Element.

En definitiva, até o de agora a expansión dos diferentes métodos de pago móbiles no noso país estivo un pouco freada polo efecto das exclusividades entre as entidades e os diferentes actores (Samsung, Apple e Google), mais é de agardar que nos próximos meses vexamos como as opcións van medrando e como cada vez máis xente pode usar este sistema, con independencia do banco da súa elección.

Sobre o autor

Reply