Análise: 3 semanas co Samsung DeX

Durante os últimos anos foron moitas as veces que oímos falar da converxencia móbil – PC, e ten todo o sentido: os nosos móbiles son cada vez máquinas máis complexas e potentes, cun enorme potencial que moitas veces queda relegado a unha posición secundaria ao non poder sacarlle todo o partido que poderíamos.

Samsung DeX é unha aposta máis por esta converxencia, mais non o primeiro intento. Presentado xunto á familia Galaxy S8 / S8+, este dock axúdanos a convertir o noso teléfono no epicentro dunha experiencia de escritorio. Estivémolo probando durante tres semanas e estas son as nosas impresións.

Que precisamos e como se configura

O Samsung DeX comercialízase nun pack que inclúe a base xunto cun adaptador de corrente tipo C. Porén, tamén precisamos contar cunha pantalla, un cable HDMI e periféricos (rato e teclado). Adicionalmente podemos dispoñer dunha conexión Ethernet para darlle conectividade, mais isto non é imprecindíbel xa que podemos empregar a propia conexión WiFi ou móbil do noso teléfono.

A configuración de todo este sistema para a súa posta en marcha non podería ser máis doada: tan só é preciso facer as conexións de cableado obvias e, logo disto, desbloquear o noso Galaxy S8 / S8+ e situalo no dock. Nese momento o teléfono avísanos de que cambia ao modo DeX e, logo dun primeiro titorial (só aparece a primeira vez que o conectamos) xa accedemos ao mdoo escritorio para o seu funcionamento completo.

Que podemos facer

O modo escritorio lémbranos á experiencia que podemos ter noutros sistemas operativos como ChromeOS ou mesmo Windows. Na parte inferior da pantalla teremos unha barra de navegación con algunhas das aplicacións abertas recentemente, e na esquerda desta o acceso a un caixón de aplicacións. Á dereita temos a hora, accesos rápidos a cousas como o volume ou a conectividade e a tamén as notificacións.

Polo escritorio podemos ir situando as nosas aplicacións favoritas da maneira que queiramos, de xeito similar ao que podemos facer en Windows, quedando rexistrada esta orde para a próxima vez que conectemos o noso teléfono á base.

A partir de aí, podemos empregar todas as aplicacións que teñamos instaladas no móbil, algunhas das cales están optimizadas para unha versión de escritorio, como Gmail ou o paquete Office, entre outras. As que non o están veranse cunha forma semellante á da pantalla do móbil.

Como curiosidade, tamén podemos empregar o teléfono mentres está conectado ao dock para facer ou recibir chamadas, e mesmo empregar aplicacións de videochamada, xa que a propia posición do dock facilita orientar a cámara á cara.

Conclusións

Logo destas semanas empregando o Samsung DeX podemos ter unha visión en conxunto de cousas boas e das limitacións que, polo de agora, ten como ferramenta de traballo única.

No caixón das cousas positivas destaca sobre todo a axilidade de conectar o móbil ao dock e ter xa todo dispoñíbel: contas abertas, documentos listos, acceso á información… e que todo isto siga tal e como o deixamos ao desconectalo. Para as persoas que traballen unicamente en Internet e con ferramentas web, ou que poidan acceder a entornos con escritorios remotos, un Galaxy S8 / s8+ co Samsung DeX é unha solución moi apañada.

Porén, até o de agora aínda hai moitas aplicacións básicas que non cambian de formato móbil a un entorno de escritorio ao conectalo á base, polo que a experiencia, sen ser mala, non é 100% positiva. Así mesmo tamén temos que ter en conta que non todas as aplicacións se poden usar no DeX, especialmente algún xogo, polos requerimentos en canto operacións táctiles que precisan dunha pantalla.

Inicialmente o Samsung Dex tiña un prezo oficial de 149 €, aínda que xa se pode mercar por algo menos de 100 € en Amazon.

About The Author

No Responses

Reply