Novo InnJoo Halo 3, un dispositivo básico por menos de 120 euros

Unha das cousas boa do ecosistema Android é a gran cantidade (e variedade) de dispositivos nos que está dispoñíbel, ofrecendo unha solución orientada á necesidade de cada usuaria. Desta vez temos que falar dun novo modelo de InnJoo, o Halo 3, un dispositivo que por 119,95 euros ofrece unhas prestacións básicas para quen non precisa moito.

O fabricante fai gala dunha batería de longa duración, grazas á combinación dunha batería de 2800 mAh e o aforro de enerxía do procesador de catro núcelos MT6737 que leva. Ademais, vén equipado con Android 7.0 Nougat, unha das últimas versións de Android que corrixe varias eivas do consumo enerxético.

En canto ao resto de especificacións, o Halo 3 leva unha pantalla de 5 polgadas con resolución HD e a combinación de 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis en 128 GB máis a través de tarxetas de memoria microSD. No apartado fotográfico atopámonos cunha cámara principal de 13 megapíxeles e unha frontal de 5 megapíxeles.

Como moitos outros teléfonos desta gama, é un dispositivo dual SIM, polo que poderemos empregar dúas tarxetas de teléfono á vez. Dispón de conectividade 4G e leva sensor de pegadas dixitais na parte traseira.

Como dixemos, o Innjoo Halo 3 ten un prezo de 119,95 €, unha cantidade acorde ás súas especificacións técnicas.

Sobre o autor

Reply