Gigaset tamén aposta polos smartphones co novo GS160

Para moitas de nós Gigaset é unha marca cun longo percorrido no eido da telefonía fixa, ofrecendo unha ampla gama de produtos para o fogar, que abrangue tanto dispositivos cableados como inarámicos. Agora a compañía dá o salto aos smartphones co lanzamento do novo Gigaset GS160.

O GS160 é un dispositivo que chega para competir en prezo, ofrecendo ás usuarias un modelo básico por menos de 100 euros que, malia todo, non renuncia a características como a conectividade 4G ou o lector de pegadas dixitais, especificacións cada vez máis demandadas.

Ademais dunha pantalla HD de 5 polgadas, o trebello leva un procesador MediaTek de catro núcleos a 1,3 GHz, acompañado por 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD dun máximo de 128 GB.

A cámara principal é de 13 megapíxeles, con enfoque automático e flash LED, mentres que a frontal queda nos 5 megapíxeles. A aplicación de cámara achega funcionalidades extra grazas á incorporación de varios modos de retrato e activación mediante xestos, para axilizar o proceso de toma de iamxes.

O sistema operativo deste Gigaset GS160 é Android 6.0 Marshmallow, e o trebello xa está dispoñíbel para mercar nas tendas especializadas e a través da páxina web da empresa por 99 euros.

About The Author

Reply