[Actualización]Todo o que cambia en FreedomPop coa chegada do 4G

[Actualización 15/08/2017]: FreedomPop está comezando a avisar ás usuarias de que, de non actualizar á nova SIM, perderán o seu número a partir do 1 de setembro. Aquelas persoas que só queiran unha conexión de datos poderán manter a tarxeta SIM actual.

FreedomPop supuxo unha pequena revolución no mundo das operadoras móbiles virtuais no noso país. Por vez primeira alguén se atreveu a ofrecer unha tarifa gratuíta básica, grazas á cal ás usuarias poden dispoñer de 100 minutos, 200 megas e 300 SMS ao mes sen pagar céntimo, ademais dunhas tarifas de pago moi competitivas.

Até o de agora, tanto a tarifa gratuíta de FreedomPop como as de pago tiñan outra vantaxes adicionais, como o roaming en 25 países ou o uso de WhatsApp sen límites (e sen que implique consumo de datos). Porén, centrándonos na opción básica, tamén existían importantes limitacións, como que as chamadas serían por VoIP a través da aplicación da empresa.

Mención á parte merece a cobertura, xa que tras uns primeiros pasos empregando a rede de Orange, FreedomPop ampliou o acordo con Movistar, de maneira que se podía empregar indistintamente unha ou outra rede. Agora o servizo préstase a través dun acordo asinado con MásMóvil, polo que a cobertura pasa a ser de Yoigo e Orange.

Para pór en orde todos os cambios que isto supón, a compañía vén de comezar o cambio das tarxetas das actuais 3G ás 4G, un cambio que deben pedir as usuarias e que ten custe. Para as novas altas, a tarxeta xa é compatíbel cos servizos 4G.

As novidades: 4G e chamadas GSM

O cambio da tarxeta 3G á 4G de FreedomPop ten varias vantaxes, as dúas principais relacionadas coa calidade. O primeiro é permite o acceso ás redes 4G, con velocidades até 5 veces máis rápidas que as actuais, pero tamén se abre a porta ás chamadas á voz GSM. Deste modo deixa de ser obrigatorio cursar as chamadas a través da app de FreedomPop, polo que son chamadas de voz estándar. Isto implica que tamén deixa de ser obrigatorio empregar un smartphone para usar o servizo, podendo usar a SIM nun teléfono básico.

As desvantaxes desta nova tarxeta 4G son que, polo de agora, a itinerancia gratuíta deixa de estar dispoñíbel (aínda que a compañía asegura que proximamente via estalo) e WhatsApp volverá computar no consumo de datos.

Usuarias actuais

Aínda que non hai un calendario estipulado, FreedomPop vai facer obrigatorio o cambio de tarxeta SIM á nova 4G, polo que as usuarias actuais do servizo veranse obrigadas a cambiar, descoñecemos se de forma gratuíta ou pagando a nova SIM.

Actualmente quen teña un número con FreedomPop pode pedir a nova tarxeta 4G (pagando 4,99 €) e comezar a disfrutar de máis velocidade de navegación e chamadas GSM, perdendo a itinerancia, ou manterse coa tarxeta 3G, e polo tanto coas chamadas a través da aplicación e os datos en roaming incluídos.

Que vos parecen estes cambios? Melloran ou empeoran o servizo gratuíto de FreedomPop?

About The Author

Reply