O novo K8 Note é o primeiro teléfono de Lenovo sen a súa capa de personalización Vibe UI

Lenovo anunciou a semana pasada o lanzamento dun novo smartphone Android, o Lenovo K8 Note, un trebello de gama media destinado á India que conta cun procesador MediaTek Helio X23 e, como grande novidade, Android puro, deixando de lado a capa de personalización software Vibe UI.

O Lenovo K8 Note incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas Full HD (1920 x 1080 píxeles) con cristal 2.5D, protección Corning Gorilla Glass e 450 nits de brillo. No seu interior temos o xa nomeado procesador MediaTek Helio X23, de 10 núcleos a 2,3 GHz e GPU Mali-T880. En canto á RAM e á memoria interna, teremos dúas combinacións, unha de 3 GB de RAM con 32 GB de interna e outra de 4 GB de RAM con 64 GB de memoria, en ambos casos ampliábeis mediante microSD.

Por outra banda, na parte traseira temos dous sensores de 13 e 5 megapíxeles, e na frontal unha cámara de 13 megapíxeles, que ademais inclúe flash para os selfies. A batería é de gran capacidade, concretamente de 4000 mAh (con sistema de carga rápida) e o sistema operativo Android 7.1.1

Segundo parece, o K8 Note será o primeiro dispositivo da marca en abandonar Vibe UI, unha capa que xa non estará presente nos próximos modelos fabricados por Lenovo, levando a estratexia seguida en Motorola (a outra marca de Lenovo) a todos os dispositivos do fabricante.

Dispoñibilidade e prezo

O Lenovo K8 Note custará uns 175 euros na súa versión de 3 + 32 GB e de 190 € na de 4 + 64 GB. Nun principio só se venderá na India, e non hai previsións de que chegue a outros países.

Sobre o autor

Reply