Android 8.0 Oreo, este é o nome da nova versión de Android

Coincidindo co eclipse Google vén de anunciar oficialmente unha nova versión de Android, que até o de agora era coñecida en nome “beta” como “Android O”. Trátase de Oreo, o postre que dá nome á versión 8.0 do sistema operativo impulsado por Google.

Durante os últimos meses foron moitos os nomes que se barallaron, en boa medida polo moito que gusta Google de trollear ás usuarias con este tema e polo interese da xente en que a súa proposta fora a elixida. Entre os moitos nomes que saíran estaban Android Orangina e Android Orellete, pero finalmente foi unha das galletas máis internacionais a que deu nome a Android 8.0.

Algunhas novidades desta nova versión xa se foron descubrindo grazas ás versións preview que as usuarias puideron probar nos seus dispositivos Google Pixel e tamén nalgúns dos Nexus, pero hoxe soubemos algunha cousa máis do que proximamente irá chegando aos nosos dispositivos, segundo vaian actualizando.

  • Notificacións melloradas. As notificacións mellorarán sensibelmente con Notification Channels e Notification Dots, dúas novas funcionalidades coas que mellorarán as notificacións que recibimos, agrupándose e abrindo o acceso cunha pulsación longa sobre a icona da app.
  • Ventás flotantes. Outra novidade son as ventás flotantes, que chegan de forma nativa. Deste modo poderemos sobrepoñer aplicacións, mellorando a nosa produtividade.
  • Mellora na xestión da batería. Google afirma ter mellorado moito neste aspecto, e a versión 8.0 de Android pechará aplicacións en segundo plano que consuman moita enerxía, optimizando así a duración desta.

  • Seguridade. No apartado de seguridade temos, por un lado, Play Protect, que garante a seguridade das aplicacións que instalamos no noso terminal. Así mesmo, tamén se mellora na xestión de contrasinais gardadas na conta de Google, evitando así ter que introducilas tantas veces.

  • Emojis! Android Oreo redeseña todos os seus emojis (horas eran!!!) e incorpora 60 novos.

Coñecidas as principais novidades de Android 8.0 Oreo só queda agardar a coñecer cando comezará a chegar aos diferentes dispositivos, ademais de ver cales serán os actualizábeis.

Máis info | Android 8.0 Oreo

Sobre o autor

No Responses

Reply