Wiko anuncia os Jerry 2 e Sunny 2, os seus terminais de entrada

O fabricante francés Wiko anunciou hai uns días o lanzamento de dous novos terminais, o Wiko Jerry 2 e o Wiko Sunny 2. Ambos os dous dispositivos son modelos da gama entrada, teléfonos sinxelos destinados a un público que precisa un modelo básico e sen moitas pretensións.

Malia iso, nin Jerry 2 nin Sunny 2 renuncian a un deseño e acabados que inclúe a presenza de cores brillantes (característica chave desde a primeira xeración de ambos dispositivos) e a presenza do metal como material predominante, abandonando deste xeito o plástico.

Wiko Jerry 2

O Wiko Jerry 2 leva unha pantalla de 5 polgadas FWVGA (854 x 480 píxeles) e no seu interior alberga un procesador de catro núcleos a 1,3 GHz. Está acompañado de 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna

As súas cámaras son de 5 e 2 megapíxeles e a batería de 2500 mAh. Como sistema operativo leva Android 6.0 e a conectividade é unicamente WiFi e 3G, esquecéndose das actuais redes 4G.

Wiko Sunny 2

O Wiko Sunny 2 un pouco máis sinxelo, apostando por unha pantalla de catro polgadas con resolución WVGA (800 x 480 píxeles), e un procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, xunto con 512 MB de RAM e 8 GB de memoria interna.

Comparte co Jerry 2 o apartado fotográfico, versión de Android e coenctividade 3G, aínda que a súa batería redúcese a uns anecdóticos 1300 mAh, que se ben chegarán para aguantar un día non semella que dean para moito máis.

Dispoñibilidade e prezo

Ambos os dous dispositivos xa se poden mercar no noso país a un prezo moi contido. O Wiko Jerry 2 queda nos 99 euros, mentres que o Wiko Sunny 2 está dispoñíbel por 59 euros.

About The Author

Reply