Samsung anuncia o Galaxy Note8

Os rumores e filtracións das últimas semanas encargáronse de estropear a sorpresa, polo que para a presentación desta tarde apenas quedaban uns poucos datos por confirmar. Falamos do Samsung Galaxy Note8, o novo membro da familia Galaxy do fabricante surcoreano que hoxe veu a luz de maneira oficial.

Unha vez máis, no deseño deste dispositivo destaca, por riba de calquera outra cousa, a pantalla “infinita”, semellante á que temos nos Galaxy S8 / S8+. Ten un tamaño de 6,3 polgadas, apenas 0,1 máis ca o S8+, cunha resolución QuadHD (1440 x 2960 píxeles).

No interior do trebello atopámonos cun procesador Qualcomm Snapdragon 835 ou un Exynos 8895 (segundo rexións), xunto con 6 GB de memoria RAM e 64 GB (128 ou 256 GB noutros mercados). A súa batería sitúase nos 3300 mAh, unha capacidade algo inferior á do S8+, que imaxinamos terá moito que ver co seu deseño (introducir o S-Pen reduce o espazo adicado a compoñentes internas) para evitar problemas semellantes aos do Note7.

No apartado fotográfico temos un sistema de dobre lente traseira de 12 megapíxeles, unha delas con apertura f/1.7 e outra con apertura f/2.4, mentres que na cámara frontal temos un lente de 8 megapíxeles con apertura f/1.7.

Ao igual ca o S8 / s8+, a seguridade vén dada por un dobre sistema biométrico. Por unha banda, na parte dianteira temos o escáner de iris, que nos permite desbloquear o dispositivo cunha mirada, mentres que na parte traseira dispomos do lector de pegadas dixitais.

S Pen

Como sempre, o S-Pen é o gran protagonista dos lanzamentos da serie Note. Neste caso temos unha versión renovada que recolle moito do que xa viramos nas primeiras probas co Note7, con algunhas funcionalidades extra ligadas á produtividade. Mellórase a precisión e o recoñecemento de puntos de presión.

Dispoñibilidade e prezo

Aínda que o Galaxy Note 8 non vai estar á venda até o próximo 14 de setembro, pero desde esta mesma tarde xa é posíbel proceder á súa reserva a través da web de Samsung e dos distribuidores autorizados por 1010,33 €. No noso país, aquelas persoas que fagan a pre-compra recibirán de maneira gratuíta un Samsung DeX.

Aínda que o abano de cores é grande, nun primeiro momento só se poderá mercar no noso país a versión negra e dourada, pero seguramente vexamos como esta listaxe vai en aumento co paso das semanas.

Sobre o autor

No Responses

Reply