Blade V8 Mini, o primeiro smartphone de ZTE con dobre cámara por menos de 200 euros

ZTE anunciou hai uns días o lanzamento no noso país do ZTE Blade V8 Mini. Trátase do primeiro smartphone desta compañía chinesa en contar con dobre cámara traseira e ficar por debaixo do umbral dos 200 euros, que se suma a outros dous modelos anteriores que xa están dispoñíbeis desde hai algún tempo, o Blade V8 e o Blade V8 Lite.

A presenza da dobre cámara traseira é sen dúbida o aspecto no que máis destaca este dispositivo, unha combinación de dous lentes (un de 13 e outro de 2 megapíxeles) que permite ás usuarias conseguir o efecto Bokeh de profundidade de cámara (desenfoques selectivos), mais tamén un efecto 3D que pode visualizarse a posteriori empregando a propia caixa do terminal, xa que esta está deseñada para ser transformada nun visor VR low cost.

En canto ao resto de especificacións técnicas, a pantalla é un panel de 5 polgadas con resolución HD e curvatura 2.5D nos lateriais. No seu interior alberga un procesador octa core xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB para o almacenamento interno, ampliábeis até os 128 GB adicionais a través de tarxetas microSD.

A batería é de 2800 mAh e como sistema operativo leva Android 7.0 Nougat, personalizado coa capa habitual de ZTE. Tamén incorpora un sensor de pegadas dixitais, situado na parte posterior do dispositivo nunha posición central.

Dispoñibilidade e prezo

O novo ZTE Blade V8 Mini leva uns días dispoñíbeis no noso país. Pódese mercar, de momento, a través da cadea de tendas de Media Markt por 199 euros, e está dispoñíbel en dúas cores: dourado e gris escuro.

Sobre o autor

Reply