Samsung anuncia o reloxo Gear Sport e novos auriculares IconX 2018

Samsung iniciou o IFA de Berlín anunciando novos wearables, trebellos que complementan tanto o recén presentado Galaxy Note8 como os Galaxy S8 / S8+, aínda que certamente poden empregarse con outros dispositivos Android e mesmo iOS. Trátase do novo reloxo Gear Sport, a pulseira Gear Fit2 Pro e os novos auriculares Icon X.

Samsung Gear Sport

Tal e como reza o seu nome, o novo Samsung Gear Sport é un reloxo claramente orientado a deportistas. Evolución natural do Gear S3 Frontier, o novo Gear Sport mellora non só o deseño, senón o interior do trebello para adaptalo ás necesidades da práctica deportiva.

Integra unha pantalla SuperAMOLED de 1,2 polgadas con resolución 360 x 360 píxeles (302 píxeles por polgadas) e protección Corning Gorilla Glass 3 con resistencia a 5 ATM de grao militar MIL-STD-810. No interior leva un procesador de dobre núcelo a 1 GHz, 768 GB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna.

Está equipado con todo tipo de sensores, como acelerómetro, xiroscopio, barómetro, sensor de ritmo cardíaco e tamén de luz ambiente. Ademais, dispón de conectividade Bluetooth 4.1, WiFi b/g/n, NFC e GPS / GLONASS / Beidou.

A súa batería é de 300 mAh (80 mAh menos dos que tiña o S3 Frontier) e cárgase de forma inarámica. En canto ao sistema operativo, vén con Tizen 3.0, e é compatíbel cos trebellos Samsung Galaxy a partir de Android 4.3, co resto de modelos Android con versión 4.4 ou superior e cos iPhone 5, 6S, 6S Plus, 7, 7 Plus con iOS 9.0 ou superior.

Unha das grandes novidades que presenta é que pode funcionar baixo á auga de maneira natural, sendo a cuantificación da práctica deportiva unha das súas novas funcións. De feito, os Gear Sport veñen coa aplicación Speedo On preinstalada, e son quen de medir automaticamente os largos realizados, identificar o estilo e contar as brazadas.

O Gear Sport estará dispoñíbel  nas próximas semanas en negro e azul, e veñen con correas estándar de 20 mm. Polo de agora descoñécese o seu prezo.

Samsung Gear IconX 2018

Por outra banda, Samsung tamén anunciou os novos auriculares IconX 2018. Ao igual cá versión anterior, trátase duns aparellos pequenos, lixeiros e cómodos, que se colocan dentro da orella para molestar o máis mínimo ao se usar.

Os principais cambios atopámolos no deseño, que sendo moi parecido ten mellorado a forma para resultar máis cómodos, e, sobre todo, na autonomía, chegando ás 5 horas de duración.

Outra das novidades é a integración con Bixby, o asistente virtual de Samsung, que polo de agora só está dispoñíbel nos Galaxy S8 / S8+ e no Note8.

Os Gear IconX 2018 son compatíbeis con calquera trebello Android con máis de 1.5 GB de RAM e Android 4.4 ou superior e estarán dispoñíbeis en negro, gris e rosa. Polo de agora non hai información sobre o seu prezo e data de dispoñibilidade.

About The Author

Reply