Lamborghini Alpha One, un Android exclusivo que podes mercar por 2000 euros

Nas últimas semanas chegaron varias novas de marcas adicadas á fabricación de smartphones de luxo que tiveron que reorientar o seu negocio ante o baixo nível de vendas. Non é de extranar, estamos a falar de produtos exclusivos que malia os seus altos custes non ofrecen as prestacións dos mellores dispositivos de gama dispoñíbeis no mercado.

Esta circunstancia non espantou a Lamborghini, o fabricante de automóbiles, que vén de anunciar o lanzamento dun teléfono que, quen teña cartos, poderá lucir xunto ao seu flamante vehículo. Trátase do Lamborghini Alpha One.

O trebello incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución QuadHD, e no seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 820, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

En canto ás cámaras, na parte traseira do dispositivo temos un sensor principal de 20 megapíxeles, mentres que o frontal queda nos 8 Mpx. Completan a listaxe de especificacións unha batería de 3250 mAh de capacidade e configuración Dual SIM.

Esta folla de especificacións evidencia que, tecnicamente, non estamos ante un modelo a considerar como gama alta, mais aí é onde entran en xogo os materiais. A súa carcasa está cunstruída nun material que Lamborghini emprega nos seus automóbiles (e que segundo din é máis duro ca o titanio), xunto con coiro e fío de ouro.

Polo de agora, o teléfono véndese en Rusia por uns 2000 euros, aínda que nas próximas semanas tamén vai chegar ao Reino Unido, Corea do Sur, China e os Emiratos Árabes Unidos.

Sobre o autor

Reply