Analizamos a Samsung Galaxy Tab S3

Tablets hai moitas, mais o número de modelos que podemos chegar a considerar de gama alta cóntase cos dedos dunha man. A Samsung Galaxy Tab S3 que hoxe traemos á nosa mesa de análise é un deses dispositivos que a día de hoxe marcan a diferenza.

Ao igual que a serie Galaxy Note, a Tab S3 é un trebello que emprega un stylus propio (S-Pen) que multiplica as posibilidades e a mellora a experiencia das usuarias. Deste modo, a tablet deixa de ser un gadget para consumir contidos e resulta ser unha ferramenta útil e que convida á produtividade.

Deseño, acabado e conexións

A Galaxy Tab S3 ten un deseño bastante conservador, manténdose nas 9,7 polgadas e cun peso semellante (429 gramos). Os acabados traseiros de cristal, habituais en moitos teléfonos de gama alta, supoñen un importante salto en calidade que impulsan un sentimento de produto premium, aínda que ao tempo tamén aporta algo de sensación de fraxilidade nas primeiras veces que a usamos.

Na parte frontal do trebello, baixo a pantalla, temos o botón de inicio de Samsung (eliminado nos Galaxy S8 / S8+ e no Note8), que á vez é o lector de pegadas dixitais, e no lateral dereito sitúanse os botóns de acendido e controis de volume. Os conectores USB-C e jack 3.5 de audio quedan no borde inferior, e finalmente no lateral esquerdo intégrase de maneira natural un conector para a funda – teclado oficial (opcional).

Un total de catro altofalantes completan o hardware externo do trebello. Este sistema de son está avalado por AKG, e máis aló de certificacións de terceiros o certo é que o fabricante surcoreano conseguiu unha experiencia moito máis nítida ao empregarmos volumes altos, sendo un produto ideal para disfrutar de contidos multimedia.

Hardware e rendemento

No interior da Samsung Galaxy Tab S3 atopámonos cunhas características técnicas acordes a un modelo desta gama. O procesador é un Qualcomm Snapdragon 820 (catro núcleos a 2,2 GHz e arquitectura de 64 bits) con gráfico Adreno 530, e está acompañado de 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB de capacidade.

Nas opcións de conectividade temos WiFi (802.11 a/b/g/n/ac), Bluetooth 3.2, USB-C e GPS + GLONASS. Ademais hai unha versión con conectividade LTE, polo que usando unha tarxeta SIM poderemos ter conexión fóra do alcance das redes WiFi.

Se ben existen SoC moito máis potentes a día de hoxe, especialmente nos smartphones de primeira liña, o certo é que Samsung optou por un modelo un pouco máis sinxelo, sen que isto afecte especialmente á experiencia das usuarias, en boa medida grazas a eses 4 GB de memoria RAM.

Pantalla

A pantalla, como case sempre en Samsung, é un dos aspectos máis salientábeis do trebello. Nesta ocasión trátase dun panel Super AMOLED de 9,7 polgadas e resolución 2048 x 1536 píxeles (264 ppp). Se cadra esta resolución é algo máis baixa do que cabería agardar a estas alturas nun dispositivo desta gama, mais o certo é que o panel AMOLED que leva fai que sexa unha das mellores pantallas que podemos atopar nunha tablet a día de hoxe.

A gran novidade que presenta é o soporte para HDR10, un estándar que aos poucos vai cobrando importancia no noso país grazas á inclusión de contidos adaptados en servizos de suscrición de vídeo, nomeadamente en Netflix e Amazon Prime Video.

Cámara

No apartado fotográfico, o xogo de cámaras está formado por unha cámara principal de 13 megapíxeles con apertura f/1.9 e un modelo de 5 megapíxeles e apertura f/2.2 na parte frontal. A traseira admite gravación de vídeo en 4K.

Batería

En canto á batería, o trebello conta cunha pila de 6000 mAh de capacidade, o que supón un lixeiro aumento sobre a capacidade que tiña o anterior modelo. Por suposto, temos carga rápida, reducindo notabelmente os tempos que ten que estar enchufada para conseguir enchela.

En menos de 3 horas podemos ter a tablet cargada ao completo, conseguindo con esta batería máis de 7 horas de pantalla cun uso diverso (consumo de multimedia, debuxo, xogos…), sobrepasando as 9 horas reais no caso de ter un uso pasivo (consumir vídeo basicamente). Parecéronnos unhas cifras moi notábeis nun dispositivo tan lixeiro e cun deseño tan delgado.

Software

O principal fito diferencial no software témolo nas aplicacións específicas para o S-Pen, o stylus que Samsung inclúe na propia caixa da tablet, multiplicando as súas posibilidades. Atopámonos cun S-Pen evolucionado, cunha punta de 0,7 mm de grosor e con capacidade para detectar 4096 níveis de presión.

As aplicacións que ofrece Samsung permítennos tomar notas escritas (por certo, cunha precisión e detección dos textos espectaculares) ou debuxar e pintar case como se o fixeramos sobre o papel. Na app dispomos de diferentes pinceis e texturas e poderemos mixturar cores como se estivésemos a empregar unha paleta de pintura real, o que nos pareceu simplemente fantástico.

Polo demais, temos Android 7.0, unha das últimas versións de Android (recibirá Android 8.0 en breve). Deste modo inclúense as últimas novidades do software de Google, como a posibilidade de empregar a tablet coa pantalla “partida” en dúas, de modo que podemos estar a visualizar dúas apps ao mesmo tempo.

Conclusións

A Samsung Galaxy Tab S3 é un dispositivo de alta gama, un modelo que ten como público obxectivo as persoas que buscan un trebello con bo rendemento e calidade para unha experiencia superior no contido de multimedia ou, moi especialmente, para toda aquela xente que precisa “algo máis” ou un produto de traballo.

Incluír de serie o S-Pen parécenos un “plus” moi interesante, dado que noutros produtos similares (léase, iPad Pro) o lapis – complemento supera os 100 euros adicionais. Porén, botamos en falta que o deseño da tablet non inclúa un espazo para o gardar dun xeito semellante ao stylus do Note8, o que facilitaría o seu transporte.

A tablet está dispoñíbel por uns 560 euros se optamos por comprar a Galaxy Tab S3 WiFi ou por uns 700 se queremos a versión 4G-LTE. De querer facerse coa funda – teclado deberemos pagar arredor de 100 euros adicionais.

Sobre o autor

Reply