Google presenta novos dispositivos: Pixel 2, Pixel 2 XL, PixelBook e máis

Google anunciou onte unha chea de novos dispositivos, incluíndo dous novos smartphones Pixel, un novo Chromebook, accesorios e varios trebellos para o fogar. Imos velos aos poucos.

Pixel 2 e Pixel 2 XL

Tal e como aconteceu o ano pasado, Google presentou dous teléfonos en diferentes tamaños, o Pixel 2 e o Pixel 2 XL, nos que apostan por un deseño inspirado en modelos anteriores pero moito máis refinados e, sobre todo, pola fotografía.

 

O Google Pixel 2 XL, fabricado por LG, é o máis grande dos dous e vén con pantalla QuadHD “sen marcos” de 6 polgadas, formato 18:9 e coas esquinas lixeiramente redondeadas. No seu interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 835, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 ou 128 GB de memoria interna.

No apartado fotográfico, e malia estar habendo unha tendencia a incluír un sensor dobre, atopámonos cunha cámara única de 12,2 megapíxeles con apertura f/1.8, autoenfoque láser, estabilización óptica e tamén estabilización electrónica da imaxe.

A batería é de 3520 mAh e vén con eSIM, conectividade 4G LTE, ademais de WiFi a/b/g/n/ac, NFC e Bluetooth 5.0. En canto ao son, leva altofalantes duais na parte superior para ofrecer un son estéreo.

Pola súa banda, o Pixel 2 é un modelo máis sinxelo, con pantalla en 5 polgadas Full HD e batería de 2700 mAh. Está fabricado por HTC e chegará unicamente a unha serie de países moi concretos.

Dos dous novos Pixel, o único que vai chegar ao noso país é o Pixel 2 XL, aínda que con moitos condicionantes: será exclusivo de Orange (de xeito permanente), custará 959 euros e estará dispoñíbel en branco e negro en unidades limitadas. Poderase reservar a partir do próximo 26 de outubro.

Google PixelBook

Por outra banda, Google tamén anunciou o PixelBook, o primeiro Chromebook convertíbel. Trátase dun modelo de deseño premium con procesador Intel Core i5, 8 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna. Dispón de dous portos USB-C.

O punto forte é a súa pantalla, un panel de 12,3 polgadas con resolución QuadHD (2560 x 1440 píxeles, 235 píxeles por polgada), á que se lle pode sacar máis partido grazas ao PixelBook Pen, un stylus que soporta 2000 graos de presión e co que se pode gañar en produtividade.

O prezo do novo PixelBook é de 999 dólares, mentres que o PixelBook Pen, que se vende por separado, custará 99 dólares.

Google Home Mini / Home Max

No apartado do fogar, Google presentou dúas variantes do seu altofalante intelixente, Google Home. No concreto, anunciou un modelo “Mini” e un modelo “Max”.

Ambos os dous traballan con Google Assistant e a versión reducida está pensada para un entorno máis pequeno, como podería ser un cuarto, mentres que o Max é máis avanzado e pode captar a nosa voz aínda que esté a sonar a música. O Google Home Max poderase mercar por 399 dólares.

Google Pixel Buds, Clips e Daydream

Xa por último, a presentación de Google tamén serviu para desvelar novos accesorios que abarcan varias temáticas, como o son, a imaxe ou a realidade virtual.

Os Pixel Buds son uns auriculares que se emparellan cun só toque e interactúan a través de Google Assistant, incluíndo importantes novidades como a tradución simultánea.

Dispoñen dunha autonomía de 5 horas, mais o seu estuche serve tamén como base de carga portátil. O seu prezo é de 159 dólares.

Por outro lado, Google Clips é unha pequena cámara dotada de intelixencia artificial coa que Google pode captar os mellores momentos sen que teñamos que estar pendentes de facelo. Co uso irá recoñecendo ás persoas para conseguir gravar os mellores momentos. Sairá ao mercado por 249 dólares e si, dá un pouco de medo.

Xa por último, Google segue apostando por DayDream, o que nos permite por 99 dólares disfrutar de contidos en realidade virtual. Hai que ter en conta que até o de agora só os Pixel 2 / 2 XL, o LG V30 e os Galaxy S8 / S8+ e Note8 son compatíbeis con esta tecnoloxía.

Que vos parecen todas as novidades de Google?

About The Author

Reply