Novo Wiko View Prime con pantalla “infinita”

O fabricante francés Wiko anunciou estes días o lanzamento dun novo terminal, o Wiko View Prime, que destaca pola súa pantalla “infinita” e por incorporar unha configuración especialmente deseñada para as amantes dos selfies.

O trebello incorpora un panel de 5,7 polgadas con formato 18:9, o mesmo que están a implementar a meirande parte dos terminais de referencia de todas as marcas este ano, aínda que cunha resolución inferior, unicamente HD+. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 430 de oito núcleos a 1,4 GHz, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD en outros 128 GB adicionais.

No apartado fotográfico cobra especial interese a cámara dianteira ou, mellor dito, o dobre sensor dianteiro, composto por unha cámara de 20 e outra de 8 megapíxeles cos que se consiguen uns selfies de gran calidade. Por outro lado, na parte posterior dispón dunha cámara de 16 megapíxeles con tecnoloxía Super Pixel, capaz de redimensionar a 64 Mpx. Ambas cámaras, traseira e frontal, dispoñen de flash tipo LED.

Ao teléfono non se lle escapan cuestións como a conectividade 4G LTE nin o sensor de pegadas dixitais, así como a posibilidade de traballar con dúas tarxetas SIM ao mesmo tempo. A súa batería é de 3000 mAh de capacidade e vén con Android 7.1 Nougat, aínda que coa personalización propia Wiko UI.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Wiko View Prime chega ás tendas este 10 de outubro en dúas cores, negro e dourado, cun prezo recomendado de 259 euros.

Sobre o autor

Reply