ZTE Axon M, un móbil con dobre pantalla para converterse en tablet

ZTE anunciou onte un novo smartphone, o ZTE Axon M. Trátase dun modelo co que o fabricante chinés sorprendeu á sociedade, pois non se trata dun teléfono tradicional, senón un trebello que leva dúas pantallas para aumentar as posibilidades da multitarefa ou servir de tablet.

A idea é bastante interesante, pois o novo smartphone chinés integra dúas pantallas que, combinadas, aumentan o espazo no que podemos consultar a información, sen que iso supoña ter que levar no peto un dispositivo de grandes dimensións.

Especificacións do ZTE Axon M

O ZTE Axon M integra dúas pantallas de 5,2 polgadas con resolución Full HD, que despregadas forman unha diagonal de 6,75 polgadas. No seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 821, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 256 GB.

A cámara é de 20 megapíxeles, con apertura f/1.8 e estabilizador óptico de imaxe. Como curiosidade, ten un único sensor, pois para usar como cámara para selfies só precisamos darlle a volta ao teléfono. Por outro lado, a batería fica nos 3180 mAh de capacidade con carga rápida Quick Charge 3.0, que certamente parécenos unha capacidade un tanto xusta para un modelo con dúas pantallas, aínda que habería que facer as probas de uso para comprobalo con certeza.

Completando a listaxe de especificacións temos Bluetooth 4.2, USB Tipo C, dobre altofalante estéreo con chip de son AKM 4962 HiFi, o que fai que sexa un trebello con moi bo son.

Dúas pantallas?

As dúas pantallas do ZTE Axon M poden dar moito xogo: por unha banda temos o modo dual, no que cada aplicación usa unha das pantallas de 5,2 polgadas, mellorando a nosa produtividade.

Por outro lado temos o modo extendido, que convirte o noso dispositivo nunha tablet, pasando a ter unha gran pantalla de 6,75 polgadas; finalmente temos un terceiro modo de “espello”, grazas ao cal replícanse os contidos en ambas pantallas para que dúas persoas poidan ver o mesmo contido en ambos lados.

Dispoñibilidade e prezo

Polo de agora unicamente temos confirmado que o ZTE Axon M estará á venda no noso país, aínda que non cando chegará nin a que prezo. En canto teñamos dita información compartirémola con todas vós.

Sobre o autor

Reply