Estas son algunhas novidades na Play Store (e non todas son boas)

Google está a preparar unha nova gran actualización da súa tenda de aplicacións, que chegará cargada de múltiples novidades. Trátase da versión 8.4, que comezará a distribuirse aos poucos en próximas datas.

Entre estas novidades, proximamente poderemos descargar audiolibros, o que nos parece todo un acerto. Ademáis, tamén poderemos recibir notificacións das aplicacións, aínda que polo de agora non está claro de todo como funcionarán. Segundo parece, poderían darse de dous xeitos, un que sería a posibilidade para as desenvolvedoras de apps de avisar sobre eventos nas aplicacións instaladas e outro que tería que ver coa suxerencia de novas aplicacións que poida incorporar o desenvolvedor á tenda. Como vedes, isto que pode resultar positivo tamén ten o seu punto de perigo, pois hai certo risco de spam que non temos moi claro como vai ser xestionado por parte de Google.

Agora ben, se isto xa é de por si controvertido, o peor está por chegar. Desde a versión 8.4 da Play Store Google vai eliminar a posibilidade de evitar unha descarga pesada cando esteamos conectados á rede móbil, o que quere dicir que vai eliminar a opción de descargar unicamente por WiFi este tipo de contido. Deste modo, se non andamos con tino poderemos “pulir” a nosa tarifa de datos nunnha soa descarga sen tan sequera ternos decatado do acontecido.

Por último, tamén debemos ter en conta que se habilitará a posibilidade de descargar de xeito automático as aplicacións de sistema que se atopen na Play Store, aínda que teñamos activada a descarga de actualizacións de forma manual.

Como vedes, non todas as novidades que achega esta versión da tenda de aplicacións de Google son boas, e desde a nosa opinión non acabamos de entender que obxeto poden ter algunha destas incorporacións.

Sobre o autor

Reply