bq lanza o seu novo e-reader, o Cervantes 4

bq vén de anunciar o lanzamento dun novo lector de libros electrónicos, o bq Cervantes 4, un dispositivo que destaca polo seu escaso peso (apenas 185 gramos) e pola súa autonomía, cunha duración de batería que chega ao mes para un uso intenso.

Entre as novidades desta versión está a aplicación da tecnoloxía OptimaLight, grazas á cal a usuaria pode programar para que a pantalla emita unha tonalidade máis fría durante o día e cálida pola noite. A súa pantalla é de 6 polgadas, e conta tamén con Frontlight, un sistema de iluminación indirecta que reparte a luz de xeito uniforme sen deslumbrar nin cansar a vista, así como detección táctil por infravermellos de alta precisión, o oque permite empregalo mesmo con luvas.

A interface de uso caracterízase pola sinxeleza e a capacidade de personalización, permitindo ás usuarias modificar ao antollo as marxes, o modo de vista ou o interliñado, ademais de elixir entre oito tamaños de letra e sete tipografías diferentes. Así mesmo, o menú pode configurarse en galego, ademais de outras linguas como o catalán, o éuskaro ou o español, entre outros.

Dispón de conectividade WiFi, o que permite descargar libros directamente no eBook, sendo compatíbel cos formatos epub, fb2 e pdf, entre outros. Así mesmo, o Cervantes 4 inclúe Nubico, o ecosistema de lectura por suscrición que conta cun amplo catálogo ao que se pode acceder coa mesma conta desde o e-reader, o smartphone ou a tablet. Ademais leva 8 GB de memoria intena, ampliábeis a través de tarxetas microSD en 32 GB adicionais.

O bq Cervantes 4 pódese mercar a través da tenda en liña de bq ou nos puntos de venda habituais por 139,90 €.

Sobre o autor

2 Comments

  1. Rubenix 8 Novembro, 2017 Responder
  2. Antonio 16 Novembro, 2017 Responder

Reply