“V by Vodafone”, a aposta da operadora polo IoT

Durante o Mobile World Congress celebrado o pasado mes de febreiro en Barcelona, Vodafone amosou algúns dos seus proxectos ligados ao Internet das Cousas (IoT), unha aposta que, por fin, xa se presenta como unha oferta comercial dispoñíbel para contratar polas clientas da compañía.

Trátase de V by Vodafone, un proxecto que permite ás usuarias poder conectar e xestionar unha ampla gama de dispositivos intelixentes, como localizadores GPS para o coche, cámaras de seguridade 4G, trackers para localizar e monitorizar mascotas, maletas, mochilas ou mesmo as chaves. Algunhas chaves deste proxecto resúmense nos seguintes puntos.

  • V-Sim by Vodafone. Cun custe de 9,90 €, trátase dunha SIM exclusiva para IoT, que proporciona conectividade a calquera dispositivo intelixente, e que se distribuirá xunto con outos dispositivos conectados por Vodafone e, desde o próximo ano, tamén por minoristas.
  • Aplicación V by Vodafone. É unha aplicación para teléfonos móbiles Android ou iOS que facilita o seguimento de todos os produtos IoT activados na súa conta dun só vistazo e nun único lugar. Dar de alta un novo produto é tan sinxelo como escanear o código QR que aparece no envoltorio, activándose dese xeito o servizo á factura Vodafone.
  • Conexión á rede internacional de IoT de Vodafone. As usuarias beneficiaranse deste servizo nos 32 países nos que está dispoñíbel o servizo de Vodafone, xa que estes trebellos están sempre conectados a través de telefonía móbil.

En canto á oferta comercial, que xa se pode contratar  a través da web da operadora ou no 1704, dispomos de catro alternativas:

  • V-Auto by Vodafone. É un dispositivo “plug and drive” que conecta o noso coche á rede. Custa 79,90 € e ten unha cota de 7 €/mes. Entre as súas características destaca a chamada SOS (con sistema eCall), a localización do vehículo ou a puntuación de condución segura.
  • V-Pet by Vodafone. Trátase dun localizador de mascotas, que permite recibir alertas de xeolocalización e monitorización da actividade do animal. Custa 49,90 € o aparello e 7 €/mes o servizo.

  • V-Bag by Vodafone. Esta opción está orientada ás usuarias máis viaxeiras, xa que xeolocaliza maletas e mochilas. O localizador custa 59,90 € e a suscrición mensual 5 €/mes.
  • V-Camera by Vodafone. O último dos produtos é unha cámara HD conectada que permite streaming de vídeo sobre a rede 3G ou 4G, e conta con detección de movemento, visión nocturna, audio bidireccional e almacenaxe na nube. É o máis caro dos produtos (379,89 €) e ten un custe de 7 €/mes.

A oferta, polo de agora, ten uns prezos que semellan un tanto elevados para a meirande parte das usuarias, mais imaxinamos que irán descendendo nos próximos meses conforme vaian adquirindo maior notoriedade. Que vos parecen?

Sobre o autor

No Responses

Reply