Tras Galiza e Asturias, Euskaltel chegará no 2018 a Navarra e máis tarde a outros lugares

A operadora vasca Euskaltel segue con ánimo de medrar, e tras facerse coas cableiras de Galiza e Asturias (R e Telecable, respectivamente) vén de confirmar o que, no ámbito telco, era un segredo a voces: seguirá crecendo máis aló do seu territorio “natural”. Así o confirmou o conselleiro delegado do Grupo Euskaltel, Francisco Arteche.

Arteche explicou a semana pasada os plans da compañía para os próximos 5 anos, entre os que se inclúe seguir reforzando a súa presenza en Galiza, Asturias e Euskadi ampliando a súa rede para sumar 80.000 novos fogares e 6.200 empresas, para o que contarán coa colaboración de Orange.

Porén, máis aló dese crecemento lóxico, o máis novidoso é que Euskaltel comezará a súa expansión a outros novos territorios, como Navarra, León, Cantabria e La Rioja, chegando ao ofrecer os seus servizos a 7,6 millóns de habitantes de aquí a 2022.

Navarra será o primeiro deses territorios nos que prestará servizo o Grupo Euskaltel, e xa no 2018 poderán contratar os servizos de telefonía fixa, banda larga, televisión e móbil da compañía arredor de 78.500 fogares de Pamplona e Ansoain. No 2022 esta cifra terá medrado até os 150.000 fogares, logo de engadir Tudela, Alsasua, Etxarri-Aranatz, Huarte, Estella-Lizarra, Burlada, Valle de Egüés e Zizug Mayor. As previsión falan dunha carteira de 30.000 novos clientes na Comunidade Foral cunha inversión de 10 millóns de euros.

Sobre o autor

Reply