Analizamos o Energy Phone Max3+

Pola nosa mesa de análises vén de pasar un dos últimos teléfonos de Energy Sistem, o Energy Phone Max 3+. Trátase dun modelo de gama media, pensado para un público que busca un dispositivo que cubra as súas necesidades sen deixarse moitos cartos e sen renunciar tampouco a características que hoxe xa damos por imprescindíbeis.

Deseño, acabado e conexións

O Phone Max 3+ é un teléfono con deseño clásico, con amplos marcos superior e inferior. Visto de fronte, rompe o equilibrio o seu botón central, que ademais de levarnos ao inicio tamén alberga o lector de pegadas dixitais. Ao contrario do que puidera parecer, a tradicional botoneira de Android non se agocha nesta parte inferior do teléfono, senón que está na pantalla, o que desaproveita un pouco o espazo de abaixo. O marco superior, pola súa banda, é o espazo onde temos o altofalante principal e a cámara frontal.

Movéndonos polos laterais temos a bandexa para as tarxetas SIM ou SIM+microSD no lateral esquerdo e os botóns de acendido e volume no dereito. Na parte superior está o conector jack 3.5 de audio e na inferior, un tanto ladeado, o microSD. Xa na parte traseira temos a cámara principal perfectamente integrada no corpo do móbil, e xunto a ela o seu flash LED.

Está fabricado maioritariamente en policarbonato, un material bastante resistente e que resulta cómodo na man, ademais de ser máis lixeiro que o cristal ou o metal. Isto é necesario porque ao ter unha batería maior tamén temos un trebello que pesa máis e ten maior grosor, en concreto 9,1 mm.

Hardware e rendemento

En canto a hardware, o Energy Phone 3+ leva no seu interior un procesador de catro núcleos a 1,6 GHz, o MediaTek MT6737, xunto con gráfico Mali-T720. Leva 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, que en todo caso poden ser ampliados a través de tarxetas microSD de até 256 GB de capacidade.

No aspecto da conectividade temos LTE, WiFi 802.11 a/b/g/n, Bluetooth 4.1 e GPS con soporte A-GPS. Tamén leva radio FM, espazo para dúas tarxetas SIM e lector de pegadas dixitais.

Como se comporta no día a día? O procesador que leva non está pensado para xogos, pois é bastante sinxelo e a experiencia con apps ou xogos que requiren potencia non é boa. Polo tanto, é un teléfono que está dirixido a outro público, menos esixente e que fai un uso básico do email, redes sociais, WhatsApp e outras apps sinxelas, en cuxo caso moverá todo sen problemas.

Pantalla

A pantalla é un panel de 5,2 polgadas, un tamaño que xa consideramos estándar nos móbiles Android, e o preferido pola maioría das usuarias hoxe en día. Ten unha resolución HD (1280 x 720 píxeles), que se ben non é excesiva resultará máis ca suficente en case todas as situacións.

En canto ao brillo, o teléfono ofrece unha experiencia bastante boa en todos os supostos, incluídos os ambientes exteriores, aínda que con algún que outro matiz: Energy Sisten conseguiu que esta pantalla manteña unha fidelidade de cor coa orixinal bastante boa, aínda que acusa certos brillos que poden resultar algo incómodos ao uso co sol directo. En calquera caso, atopámonos cunha pantalla de calidade superior á habitual nesta gama.

Cámara

O teléfono vén equipado con dúas cámaras, un sensor traseiro de 13 megapíxeles con autofocus e flash LED e un sensor frontal de 5 megapíxeles, que destaca ademais polo seu angular de 83 graos.

Os resultados da cámara principal son, en condicións lumínicas boas, máis que aceptábeis. Ademais tanto a velocidade de enfoque como de disparo é boa, polo que resulta máis doado non perder ningún momento que queiramos inmortalizar.

Agora ben, en condicións lumínicas peores, como poden ser as escenas nocturnas ou os interiores pouco iluminados, o teléfono adoece dos males típicos dos móbiles da súa gama, con imaxes que teñen bastante ruído e cunha maior dificultade para o enfoque. Algunhas mostras no noso Flickr.

Batería

A batería é un dos puntos fortes deste teléfono. Leva 4000 mAh de capacidade, unha cifra que xa nos dá unha idea de que o teléfono vai aguantar bastante tempo sen pasar polo cargador; a experiencia en uso certifica esta crenza, pois chegamos aos tres días de autonomía sen moita dificultade.

Como o consegue? Ademais de pola capacidade da batería, tamén temos que ter en conta o procesador de perfil baixo e a presenza dunha pantalla de pouca resolución, cuxo consumo é baixo. Tamén nos sorprendeu que estando en repouso é un teléfono que aguanta ben a carga e apenas consume.

Non dispón de sistema de carga rápida, o cal é unha mágoa, mais hai que dicir que para telo completamente cargado non temos que chegar ás tres horas.

Software

En canto ao software, o Energy Phone Max 3+ vén con Android 7.0 lixeiramente modificado polo fabricante, unicamente en temas estéticos. Isto resulta bastante interesante, pois cun hardware sinxelo é moito máis doado mover unicamente Android Stock e non ter que cargar cunha capa de personalización a maiores.

A tal hora descoñecemos cales son os plans do fabricante en todo o que ten a ver coa política de actualizacións. Recibir Android 8.0 sería unha boa nova, mais polo perfil do teléfono é posíbel que isto non chegue a ocorrer.

Conclusións

Logo de ter probado o trebello durante varias semanas estamos en condicións de chegar a certas coclusións. O Energy Phone 3+ é un teléfono de gama media dun rendemento un tanto inferior á competencia polo procesador que leva e cunha cámara mellorábel.

Porén, polo outro lado, cabe destacar a súa pantalla, a gran autonomía e un tema que non debemos pasar por alto: a presenza duns auriculares Bluetooth na caixa que nos ofrecen moitas horas de música. Ademais dos móbiles, Energy tamén traballa moito temas de son, e nese sentido a experiencia nótase cuns auriculares que son un plus á hora de marcar a diferenza entre este teléfono e outros modelos similares.

O Energy Phone 3+ está dispoñíbel por 189 euros.

Sobre o autor

Reply