Snapdragon 845, o novo procesador de Qualcomm con QuickCharge 4.0+

Hai uns días Qualcomm anunciou o seu novo procesador, o Qualcomm Snapdragon 845, pertencente á gama máis premium do principal fabricante. Será o modelo que vexamos en moitos dos principais teléfonos que se anunciarán no 2018, aínda que, a diferenza de outros anos, terá que loitar contra grandes competidores, como os modelos Exynos de Samsung e os Kirin de Huawei, que ano a ano van gañando importancia e notoriedade.

Trátase dun procesador fabricado en 8 nanómetros con oito núcleos Kyro 835 a 2,8 GHz, ao igual ca o seu predecesor, mais co importante cambio de que a velocidade de conexión subiu até os 1,2 Gbps. A arquitectura deste novo modelo é unha DynamIQ de ARM, con GPU Adreno 630, que segundo apuntan ofrecerá até un 30% máis de eficiencia e autonomía.

Ademais, o novo procesador é compatíbel con pantallas Ultra HD Premium e 4K Ultra HD, e soporta realidade virtual con até 120 fps e unha profundidade de cor de 10 bits. O módulo Spectra 280 que integra dálle soporte para cámaras dobres de até 16 Mpx (ou unha soa cámara de até 32 Mpx); tamén soporta autoenfoque híbrido, detección facial acelerada por hardware e a posibilidade de gravar vídeo en HDR e 4k Ultra HD a 60 fps.

Carga rápida Quick Charge 4.0+

Co novo procesador de Qualcomm tamén chega a carga rápida Quick Charge 4.0+, unha versión vitaminada da 4.0 que xa coñeciamos. A diferenza con esta, a versión “plus” mellora en eficiencia (até un 30% máis) e en velocidade (un 15% máis rápido).

Porén, os cambios máis destacados afectan á seguridade grazas a tres “tics”: Dual Charge, Intelligent Thermal Balancing e Advanced Safety Features. O primeiro mellora a disipación térmica, o segundo escolle a ruta de carga con menos puntos quentes para evitar o sobrequecemento e o terceiro implica unha serie de protocolos de seguridade, tamén ligados aos quecementos, aínda que neste caso do cargador.

Será para tanto? Haberá que agardar á chegada dos primeiros teléfonos con este procesador para ver como se comportan, mais sobre o “papel” parece que a pinta será boa.

Sobre o autor

Reply