Samsung Mobile Care: seguros para os smartphones máis punteiros da compañía

En máis dunha ocasión tédesnos preguntado se paga a pena ter contratado un seguro para o noso smartphone. A resposta non sempre é sinxela, pois realmente depende. E de que depende? Principalmente do terminal que teñamos, mais tamén do coidadosas que sexamos e, sobre todo, da sorte.

Pólizas para móbiles hai moitas, como as que ofrecen as grandes superficies (Media Markt, The Phone House…), as empresas aseguradoras tradicionais e, tamén, os propios fabricantes. BQ leva tempo ofertando BQ Plus, unha protección integral para os seus teléfonos, e agora Samsung vén de lanzar a súa propia proposta, Samsung Mobile Care.

A través deste novo servizo, suscrito con Allianz Global Assistance, Samsung proporciona reparacións realizadas por técnicos autorizados empregando pezas orixinais da compañía. Para poder contratalo é preciso que non teñan transcorrido máis de 30 días desde o momento da compra.

Diferentes opcións de contratación

Samsung Mobile Care está dispoñíbel unicamente para a gama alta da compañía (Galaxy S7, S7 Edge, S8, S8+ e Note8) e ten un custe de 129 euros (ou 5,99 € ao mes se se escolle o pago mensual) por dous anos. Ademais hai que sumar unha franquicia de 79 euros no caso de sinistro, puidéndose declarar 2 sinistros no período de vixencia.

Sobre as coberturas, o seguro de Samsung cubre os accidentes típicos de roturas de pantalla e danos por líquidos, aínda que quedan excluídos os danos estéticos que non afecten ao funcionamento do terminal.

Máis info | Samsung Mobile Care

Sobre o autor

Reply